
Por ese vello costume de supor que os deuses habitan en estancias celestes, os altares sempre están nalgún lugar alto, e as capelas tamén procuran algún outeiro onde os devotos tratan de aproximarse o máis posíbel a esa suposta morada celestial. Con iso cumpríase coa premisa fundamental de amosarlle ós devotos o difícil que é encontrarse cos divinos seres nos máis altos cumes do mundo. Por certo, un atranco que lle impide ou complica o acceso a anciáns, enfermos e eivados.
Exemplos desta preferencia polos outeiros non faltan, pois se os clásicos nos falan do Olimpo cos seus pazos para Zeus e toda a familia, sen saír da nosa bisbarra temos a santo Alberte, quen herdou dalgún predecesor seu o alto da Conlleira, en Ribeira. Abraham non fixo o seu famoso sacrificio á porta da casa, senón que subiu ó monte Moria, para estar máis preto do seu deus, e o mesmo Moisés tivo que subir ó Sinaí para recibir as ordes divinas gravadas en pedra. Así mesmo, nas igrexas, o altar tamén está nun lugar máis alto, ó que se accede, polo xeral, por un número impar de chanzos, non só para que os fieis vexan o ritual, senón tamén para simbolizar esa aproximación á morada divina.
No monte Carmelo, onde é fama que a Virxe inspirou a un grupo de monxes para fundar a orde dos carmelitas, había un altar dedicado ó deus da Biblia, pero antes, no mesmo lugar rendérase homenaxe ó deus Baal adorado por fenicios e caldeos como deus da fecundidade.
En Petra había que subir mil chanzos de escada para acceder ó lugar onde era máis doado ter contacto coa divindade, e fóra do mundo grego-latino tamén maias e aztecas buscaban para o seu contacto cos deuses os lugares máis elevados posíbeis, naturais ou construídos por eles.
Pero cando o acceso ó monte non é doado, ou os crente non están polo labor, entón é a divindade quen baixa a encontrarse cos seus devotos, como cada segundo domingo de maio se celebra no cruceiro de Moldes, na Pobra do Caramiñal.
Segundo a lenda, ante a imposibilidade de pór orde nun grupo de rebeldes e descridos, foi o mesmo Xesús quen baixou dende a Curota para amoestar a aqueles, e no seu paso por Moldes encontrouse con súa nai, quen lle pediu que non fose moi duro co castigo. A lenda é moi coñecida: despois de ver o pouco respecto que os moradores da mítica cidade de Valverde lle prestaban a Xesús, este decidiu castigalos ó estilo do deus do Antigo Testamento, como en Sodoma e Gomorra, cunha chuvia de lume e pedras que sepultou a cidade no que algúns pensan que hoxe son as dunas de Corrubedo, e cando a Virxe contemplou a magnitude da desgraza, virouse de costas ó mar proclamando con doídas palabras: “Non quero ver tal nin tal ver”. Algún experto en toponimia debería aclararnos se o nome do lugar de Bretal deriva ou non desa frase apocalíptica.
Do que xa non falan as lendas é de se Xesús volveu á súa morada pasando de novo ó lado de súa nai e se, de facelo, ela lle dixo algo, porque como fillo non foi moi obediente que digamos.