O PATRIMONIO AMEAZADO | O |
26 jul 2006 . Actualizado a las 07:00 h.LEVO UNHA semana en Limerick (Irlanda), nun curso de inglés, e sorprendeume o acto vandálico sufrido pola Pedra da Arca de Regoelle. ¡Que vergonza! Pensar que o 25 de xullo fun convidado a falar na clase sobre o meu país, a terra da que procedo, e que non só lles falei da historia antiga de Galicia, senón tamén e moi especialmente do rico patrimonio cultural e monumental da Costa da Morte, e atoparme ao día seguinte que os ignorantes vándalos danan aleivosamente a milenaria Pedra da Arca de Regoelle... Hoxe cheguei a clase avergonzado de ser de onde son, que triste é iso, e nada lle dixen ao profesor nin aos compañeiros que onte quedaran tan engaiolados coa Costa da Morte, con ganas de visitala, porque se lles digo isto pensarán que nesta zona vivimos con taparrabos e que somos o pobo máis inculto do universo. Pero claro: recollemos o que predicamos, e predicamos que a ignorancia é progresista, que as pedras son o que son e que estan aí estorbando o progreso. !Que dirían aquí os irlandeses se tivesen noticia deste noxento acto vandálico, vendo como coidan como ouro en pano ata o máis cativo dos seus dolmens e a súa paisaxe? Eles saben que esas rudas pedras son parte da súa historia e que tamén lles dan moitos cartos. O domingo eran multitude os autobuses que levaban aos turistas de bocadillo que algúns tanto desprezan visitar unha comarca que só tiña paisaxe, e dentro desta paisaxe, moita pedra: unha cola interminable para visitar os acantilados de Moher, a comarca de pedra caliza do Burren, e pouco máis. Paramos nun castriño que non era nin a cuarta parte do de Borneiro e non puidemos parar no dolmen de Pol an Borne (calquera dos nosos é mellor) porque xa non había sitio. Promoción Pero claro, aquí os alcaldes preocúpanse por promocionar o seu patrimonio monumental e natural, e rivalizan cos veciños a ver quen o ten máis coidado e máis protexido, ao contrario de Galicia e da Costa da Morte en particular, que parece que fachendean en seren os promotores da destrución. E en cada concello hai unha oficina de turismo que ao mesmo tempo e un centro de interpretación do seu territorio no que venden recordos e no que traballan dúas, tres ou catro persoas, e móntano os propios concellos sen esperaren a que llelo subvencione o goberno irlandés. Neste país irlandés onde sempre esta chovendo recíbense milleiros de turistas, pois non todo o mundo vai na procura do sol. Mentres tanto, nós sigamos polo camiño do haraquiri, non só desprezando o propio, senón fomentando a súa destrución. É de esperar agora que aqueles grupos políticos que tanto reclamaban hai uns días o Parque do Megalitismo para o seu concello sexan os primeiros en presentar denuncia por este acto salvaxe.