O baiés Pepe Mira (60 anos) non para. O seu currículo da medo e nel pódese comprobar que traballa desde que é un neno. Construtor, hostaleiro -seu é o hotel Playa de Laxe, o único de tres estrelas da Costa da Morte-, comerciante... Pero ademais ten tempo para o ocio e concretamente para a pesca, á que é afeccionado desde que é un neno. Desa afección naceu, hai tres anos, a Asociación Río Mar, que aglutina a uns 60 pescadores da Costa da Morte.
-¿Desde cando é afeccionado á pesca?
-Pesco desde os cinco anos, porque nacín ao lado do río Grande de Baio e alí ía coa miña nai cando tiña que lavar. Eu axudáballe e tamén pescaba.
-¿Que actividades fan na asociación Río Mar?
-Ademais de saír a pescar, axudamos ao mantemento dos ríos e das praias. Colaboramos na limpeza de plásticos, chapapote, corte de ramas... Todo o que faga falta para conservar o medio ambiente.
-¿Como están os ríos da Costa da Morte?
-Os ríos da Costa da Morte están bastante abandonados. Teñen un gran problema de contaminación e o uso das fontes e mananciais para o consumo estalle restrinxindo moito o seu caudal.
-¿Cal sería a solución?
-Coidalos, por suposto, e tamén propoñemos que se faga unha captación no encoro da Fervenza, o que liberaría moitas fontes e o caudal aumentaría.