O salón de actos parroquial da igrexa San Xoán Bautista de Carballo acolle esta tarde a votación dos premios Carballés, Galego e Bergantiñán do Ano 2009 que concede o Padroado Fogar de Bergantiños.
Todas as asociacións da comarca están convocadas para asistir á elección. O acto comezará as 19,30 horas e é fundamental a presenza dos representantes de todas as entidades da zona.
Este ano os candidatos son 26 persoas ou entidades de distintos puntos de Galicia. A primeira lista estaba formada por 19 aspirantes, que foron seleccionados polos medios de comunicación e os concellos. A eles engadíronse outros sete, propostos polo tecido asociativo de Bergantiños.
Aspirantes
Entre os aspirantes a estes premios anuais hai cantantes, actrices, escritores, regueifeiros, empresas, asociacións e mesmo unha campaña publicitaria.
As entidades que acudan á reunión de este serán terán que decidir quén será o Carballés do Ano 2009 entre o filólogo e profesor Fernando Cabeza Quiles, o adestrador xa falecido José Luis Vara, o historiador Xan Fraga Rodríguez, a asociación Telón e Aparte, o humorista Rober Bodegas, a actriz María Tasende, o Casino de Carballo, o club de hóckey Escola Lubiáns e os Bombeiros Voluntarios.
Para bergantiñáns están nomeados o xinete larachés Manuel Añón, o filólogo Xosé Ramón Freixeiro Mato, o ciclista Manuel Verdía, os regueifeiros, José María Varela, da asociación Monte Branco, o escritor José Antonio Pet Posse, o Restaurante As Garzas, o Grupo Campo e o estudoso Luciano García Alén.
No capítulo dos mellores galegos do ano pasado, os medios de comunicación, os concellos e as entidades da comarca elixiron á cantante Luz Casal, os actores Luis Tosar e María Castro, as Bodegas Condes de Alvarei, o cardiólogo Alfonso Castro Beiras, a campaña Vivamos como galegos de Gadisa, a plataforma Queremos Galego e a filántropa Rosalía Mera.