«O noso reto é sanear as rías»Ecovoz estrea nesta edición novo horario e un blog

ramón rivera m. v. / carballo CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

28 ene 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A Agustín Hernández Fernández de Rojas (1961) acumúlaselle o traballo nunha consellería na que se xuntan tres ámbitos moi diversos. Temas como a xestión de residuos ou a ordenación do litoral non llo deben de poñer doado. Para o conselleiro é moi importante trasladar aos máis cativos os temas relacionados co respecto ao entorno. Por iso aplaude a iniciativa de Ecovoz, coa que se pretende cambiar a cultura medioambiental da xente. El pon o seu gran de area: vai e volve do traballo a pé.

-¿É compatible xuntar medio ambiente, territorio e infraestruturas na mesma consellería?

-Si, e non ten volta atrás. Hai que optimizar e facer unha administración máis eficiente. No futuro tamén o Goberno de España terá que facer un esforzo para concentrar as competencias. As infraestruturas modifican o territorio, pero non deben destruílo. Debe facerse compatible co medio ambiente. Esa dobre visión é o que pode facer encaixar ese puzle.

-¿É partidario de tomar medidas máis duras para que xente separe o lixo?

-O principal é a educación. A cidadanía debe saber que a reciclaxe, redución e reutilización produce un aforro de cartos e de materiais, porque non van a un vertedoiro. Tamén se aforra nas plantas de pretratamento, que nun futuro ideal nin sequera serían necesarias. As Administracións debemos trasladar esa idea á xente. É evidente que algunha actuación de discriminación económica podería dar froitos, pero o momento é complicado e non se deben subir taxas porque os petos das familias xa sofren moito.

-A planta de Sogama está saturada, por iso vaise construír outra na provincia de Ourense. ¿É esa a mellor ubicación?

-Si, porque buscamos un lugar onde se respecte o medio ambiente e que, ao mesmo tempo, sexa unha oportunidade para esa provincia. Que teña unha localización con fáciles accesos, mesmo con ferrocarril, que sexa moito mellor á que hai agora co traslado do lixo a Sogama. Temos tempo este ano para escoller a mellor ubicación. Pero, ademais desa planta do sur, tamén se van construír outras 8 de compostaxe para permitir que eses residuos poidan revalorizarse.

-¿A saturación da planta de Cerceda poderíase repetir dentro duns anos na outra planta?

-Unha das liñas máis importantes do Plan de Residuos é intentar que antes de 2020 se reduza a produción do lixo nun 10 por cento. Iso garantirá que non haxa problemas de saturación e que diminúan en máis da metade os residuos que van ó vertedoiro.

-Un dos obxectivos deste ano é comezar co saneamento integral do territorio. Van ter moito traballo.

-A ría de Pontevedra é unha das apostas máis importantes. Temos asinado un convenio de 10 millóns de euros para sanear as parroquias do rural. Tamén en Marín e Poio. É un grande reto acadar o saneamento integral das nosas rías. Estamos a traballar na execución de obras, na planificación das redes a través dos plans de saneamento local e a obter os primeiros datos. Unha das cuestións que máis nos preocupa e onde imos actuar con máis enerxía é na mellora das redes de saneamento. Estamos a observar unha importantísima afluencia de augas fluviais nas redes, augas limpas que están a producir un problema de xestión importante en varios concellos. Por iso plantexamos a nova Lei de Augas, coa que queremos adaptar a normativa galega ás normas europeas e acadar os recursos financeiros de xeito prudente para permitir que o medio ambiente mellore. Moitas veces o cidadán é crítico co custo, pero debemos pensar que temos a obriga de manter as rías e preservalas para as xeracións futuras.

-Algúns puntos da Lei de Augas son interpretados no rural coma un xeito de legalizar as fontes de subministro para incrementar a recadación. ¿É así?

-Non. O que fixemos foi un esforzo para ter en conta a nosa realidade cultural e medioambiental no rural. A lei considera esa realidade, e as traídas veciñais e os pozos non terán ningún tipo de gravame, como ocorre agora. Non imos obrigar a ninguén a poñer un contador na súa casa. Aqueles cidadáns que non produzan ningún efecto no medio ambiente non terán que pagar ningún tipo de canon. O que se pretende con este canon é obter os recursos necesarios para manter os nosos ríos e rías nas debidas condicións.

-¿Os galegos utilizamos o mar e os ríos como depósitos de lixo?

-Historicamente foi así, pero iso mudou bastante. Existe unha demanda da cidadanía de recuperar as beiras dos ríos para uso público. Ese é un gran reto para a consellería de Medio Ambiente. Fixemos importantes actuacións en moitos concellos, imprescidibles, necesarias e interesantes. É unha necesidade que están a demandar os galegos e na que deberemos incrementar os nosos esforzos nos vindeiros anos.

«A infraestrutura modifica o territorio, pero non debe destruílo»

O concurso medioambiental de Radio Voz botaba onte a andar con novidades. Nesta edición a cita será os xoves a partir das catro da tarde e os sábados entre as seis e as sete. Outra das novidades é un blog onde os participantes do Ecopreguntoiro poderán contar as súas experiencias coas ondas, ademais de dar a coñecer as novidades no sector do medio ambiente e a xestión de residuos.

Para abrir boca, onte realizouse o sorteo dos emparellamentos dos oitavos de final. Na primeira xornada, o CEIP Cabanas (Pontevedra) agarda aos campións, o colexio Irmáns Villar (Ourense). O resto dos enfrontamentos son os seguintes: Felipe de Castro (Noia)-As Nogais, Fogar (Carballo)-Seis do Nadal (Vigo), Carballedo (Cotobade)-Santa Juana de Lestonnac (Ferrol), Anxo da Garda (A Coruña)-Vilar de Barrio (Ourense), A Gándara (Monforte)- San José de la Guía (Vigo), Aguiño (Ribeira)-Sagrado Corazón de Placeres (Pontevedra) e Bergantiños (Carballo)-Rosalía de Castro (Lugo).