A manifestación pola ITV de Zas

Xosé M.ª Lema Suárez

CARBALLO

30 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Hai datas das que convén facer memoria. Unha delas é a do 16 de marzo do 2003, na que nos manifestamos xente de toda a Costa da Morte en Cee para protestar pola nefasta xestión do Prestige e máis para reclamar uns mínimos investimentos para todo este territorio costeiro occidental, que fora o máis afectado polos efectos da marea negra e, non obstante, acabou sendo o menos beneficiado polo Plan Galicia anunciado polo goberno de Aznar. Convén recordar que o único beneficio deste Plan para a zona fora o parador de Muxía, que nin sequera está empezado hoxe, nove anos despois.

Da experiencia do Prestige mesmo quedara o «sambenito» do excesivo conformismo dos habitantes da Costa da Morte. Nin sequera aquela desgraza ecolóxica se aproveitara para conseguir das autoridades autonómicas e estatais investimentos efectivos para sacar este territorio da súa profunda depresión económica (a única zona costeira de Galicia neste estado). Cando en 1890 acontecera o naufraxio do Serpent na Punta do Boi (Camariñas), a traxedia polo menos servira para que as autoridades españolas trouxeran tecnoloxía punta para o novo faro do cabo Vilán (1896), que se converteu así no primeiro español con enerxía eléctrica. Un cento de anos despois, todo o contrario.

O que xa clama ó ceo, desde logo, é que mesmo nos intenten quitar o pouco que se nos deu, seguramente porque veu das mans dun goberno doutro signo político; puro sectarismo. Menos mal que a residencia xerontolóxica de Vimianzo xa se deixara construída, senón seguro que o mandaban arrasar cunha Caterpillar. ¡Xa está ben! Goberne quen goberne, non se pode consentir que priven a esta comarca dun incentivo económico para o sector do automóbil (e non só para el) como a ITV do polígono industrial do Allo (Zas), como parece que quere facer a Xunta de Galicia actual por caprichos partidistas: Feijoo dicía nas eleccións que ía gobernar para todos, pero pouco o demostra.

Por suposto que estaremos o próximo sábado día 30 na manifestación anunciada pola Plataforma polo Desenvolvemento da Costa da Morte, e esperamos atoparnos con moita outra xente de todas as comarcas da zona, pois hai que deixar fóra de xogo os estériles localismos dunha vez por todas. Tamén estivemos en Cee hai nove anos, e iso que somos de interior e non da beira do mar. Bo sinal que a manifestación anunciada empece no Campo da Feira da Piroga (Vimianzo), para logo atravesar o río Grande (ou río do Porto) e rematar en Baio (Zas), pois iso é todo un símbolo superador do localismo. A ela mesmo deberan acudir militantes ou simpatizantes do partido que goberna a Xunta, pois se alguén considera que roubarlle a ITV a Zas para levala a calquera outro sitio fóra da zona é un triunfo, que Santa Lucía lle conserve a vista. Sería pedir que che quiten un ollo para que ó veciño lle quiten os dous? e todos cegos.