A entidade medioambiental aposta pola reducción de embalaxes
10 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.A Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) fai posible, entre outras cousas, que o programa Ecovoz, que emite Radio Voz exista. O seu presidente, Luís Lamas, asegura que neste 2011 «non houbo moitos cambios» na entidade. O que si destaca é que se «seguiron desenvolvendo as campañas no eido medioambiental».
-Houbo cambios na páxina web. ¿Que podemos atopar agora?
-O noso principal destinatario é a xente moza. Para iso hai que utilizar aqueles mecanismos que son máis eficaces, as redes sociais. Agora renovamos a web para que sexa máis áxil e útil para aqueles que nos queren coñecer a través da rede. Incídese nas tres erres e tamén na cuarta, a da recuperación de enerxía con aquilo que é inservible.
-Seguen atopando erros á hora de separar. Non aprendemos.
-Un dos principias problemas no que imos incidir alomenos neste 2011, é a correcta separación en orixe. No contedor amarelo hai arredor dun 30 por cento dos residuos que terían que estar noutros contedores. Galicia é unhas das comunidades que ten un maior número de impropios e nós tratamos de mellorar por razóns medioambientais e económicas.
-¿Na reciclaxe son os pais os que aprenden dos fillos?
-Si. Os pais temos a sorte de que tratamos de imitar aos nosos fillos porque, entre outras cousas, se non, bótanche a bronca se te ven tirando un papel no contedor verde. Isto é un cambio substancial porque eles van ser a sociedade do futuro e porque van servir de exemplo para os que xa non somos cativos. Por iso traballamos con eles.
-¿Que son as illas de reciclaxe que queren poñer nos colexios?
-Xurden da petición de moitos colexios que nos dixeron que a teoría estaba moi ben, pero que no seu centro non tiñan contedores de distintas cores e que os cativos non podían reciclar. Imos tratar de implantar esas illas ecoloxicas, un espazo no que hai contedores para os distintos residuos. Queremos empezar o vindeiro curso.
-Coas visitas que reciben, a xente dase conta da importancia do seu labor en todo o proceso.
-O seu labor é máis importante do que parece. A mellor forma de velo é vir aquí e ver como inflúe o seu propio comportamento. Os que veñen, marchan cunha impresión moi distinta de Sogama.
-A sociedade non acaba de concienciarse co tema da reciclaxe. ¿Que máis hai que facer?
-O tema dos residuos haino que abordar con moita seriedade, e en moitos casos non se fixo así. Non pode ser unha ferramenta que nos tiremos uns a outros. O problema dos residuos é de todos, non dunha determinada cor política. Hai que traballar sobre todo na educación medioambiental, pero tamén cos produtores, porque por moita vontade que teñamos de xerar menos residuos e de separar, non serven de nada se os fabricantes seguen ca sobreembalaxe. Hai que tomar medidas de índole fiscal e sancionadoras.
luís lamas presidente de sogama