A Rosalía bergantiñá celebrou os 94 anos rodeada de amigos

Cristina Abelleira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Asunción Antelo, feliz en su cumpleaños.
Asunción Antelo, feliz en su cumpleaños. SANTI GARRIDO

Asunción Antelo foi agasallada cunha escenificación de poemas da súa musa

09 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Despois dos seus últimos achaques, que mesmo a tiveron hospitalizada varios días, Asunción Antelo Suárez remoceu coa entrañable festa de aniversario que lle ofreceron familiares e amigos. «Temos cobiza dos teus 94 anos, porque o resto dos que estamos aquí non imos chegar a eles», díxolle con sorna Xosé Pumar Gándara. O que foi párroco de Seavia, un dos amigos que cada ano visitan á Rexubeira de Bergantiños na súa casa de Segufe, cualificouna como «a muller que representa a esencia de Bergantiños. Ti es a nosa Rosalía», manifestou.

E precisamente foi aos versos da súa musa, á que ten dedicado boa parte da súa obra, tanto literaria como plástica, aos que deron vida os alumnos de teatro da Fundación Eduardo Pondal «con todo o noso corazón e todo o noso cariño», como dixo Tamara Lema na presentación. A voz de Alba Costa, o acordeón de O Mighelo e o grupo de gaitas Inllar animaron a festa. E, aínda que con axuda, Asunción soprou as velas. O ano que vén serán 95.