A ciclobiblioteca é un proxecto galego que xa saíu ao exterior, e de feito cada vez traballa máis fóra ca dentro. Aínda así, non é raro atopala en prazas, praias ou calquera outro lugar onde haxa nenos. Un dos catro ciclobibliotecarios que percorren o territorio é Anxo Moure, que en oito anos, calcula, leva transportados máis de 15.000 nenos.
-¿Como naceu a ciclobiblioteca?
-Nace dun proxecto de educación ambiental e de contacontos. Eu reivindico dende hai moitos anos, como lector que se achega ao mundo da ecoloxía a través dos libros, a necesidade de acercar á xente a ecoloxía a través da lectura. Entón, é levar a lectura ambientalista e sobre a solidariedade alí onde están os nenos e as nenas, intentando que eles se sensibilicen. O proxecto naceu hai vinte anos como proposta educativa, sen ciclobiblioteca, e hai oito incorporamos os ciclocarros.
-¿De onde saíron eses vehículos tan especiais?
-Hai oito anos encontramos en Dinamarca uns ciclocarros feitos pola comunidade Christiania, que é a comunidade hippy máis antiga de Europa, e que os usa para levar os nenos ás escolas. Nós poñémoslles uns andeis, pintámolas e cargámolas con libros. As ciclobibliotecas tamén levan actividades, como os contacontos. Conto un conto e despois quítolle o andel, e cada neno que queira viaxar, caben catro, ten que ir lendo un libro. Por unha banda fas fomento da lectura, e por outro tamén se trata de demostrar que Europa se move dun xeito diferente a nivel de transporte e que en Galicia non podemos quedar atrás.
-Tamén se trata, entón, de promover o uso da bicicleta.
-Nós ante todo somos ecoloxistas que nos desprazamos en bicicletas, e queremos demostrar que coa bicicleta hai moitas alternativas. E a ciclobiblioteca é case como un buque insignia da divulgación da lectura en Galicia dun xeito diferente. De feito, aparece como referencia en páxinas de todo o mundo.
-¿E hai que estar moi en forma para carrexar a tantos nenos?
-Pesar pesan, pero a min axúdame e tamén entretenme. Intento sempre pedalear o que podo para chegar aos lugares, ás veces fago vinte quilómetros de pedaleo, pero cando teño que ir lonxe deixo o coche a tres ou catro quilómetros para que os nenos vexan que se poden desprazar en bicicleta.