
¿Nunca vos pasou que forades a un sitio que vos recomendaron, que era moi interesante (cine, teatro, traballo, libro, partido de fútbol...), e logo chegades e levades unha decepción tremenda? Coa película, co partido, co libro... mesmo coas persoas que coñecedes: pasades de interesante ou moi interesante a pouco menos que «caca de la vaca». Así, nun pestanexar de ollos. Pois aínda así, eu prefiro ir a velas películas ou ó teatro «a pelo», case sen ter idea do que vou ver. Non quero verme influenciado por nada. Gústame descubrir, e que me sorprendan. Iso foi o que me pasou o venres coa obra das máscaras, e o sábado, coa de Chévere. Sorprendéronme; e foi agradablemente.
A cousa ten mérito na obra de hoxe, pois teño bastante mala impresión do teatro galego, moi rancio e costumista na maioría das pezas que fun vendo. Mais é de xustiza recoñecer que hai agromos de calidade no noso teatro, cada vez máis frecuentes.
Facer unha obra de teatro en Galicia sen caer en tópicos e naftalinas, viña sendo farto complicado: váisenos sempre ó modelo Pratos combinados, ou así. Máis hoxe non foi o caso. Algo está cambiando. Que chévere!, expresión moi utilizada en Latinoamérica, especialmente en Cuba, México, Colombia e Venezuela. Úsase para indicar que unha cousa parécenos estupenda. Así que vaille como anel ó dedo o nome do grupo que hoxe nos ofrece Eurozone, e que hoxe compraceu a miña sensibilidade teatral.
Escenario estraño, escuro, asimétrico, sobrio, pero interesante. E tamén pragmático: está para o que está (aínda que puidera ser calquera outra cousa).
O texto é sumamente entretido e curioso, resultado de cruzar o guión da película Reservoir Dogs (recomendable; película violenta do 92, de Quentin Tarantino), e a situación político-económica actual, precisamente na Eurozona. A criatura resultante, á súa vez, parece nacer diante nosa, como se fose un ensaio dunha peza teatral , mesmo explicada polos propios actores e actrices.
Encontro todo realmente orixinal: a montaxe, os decorados, a idea, a realización da mesma, nesa mestura de actores-personaxes-países-asasinos.
A carga satírica respecto dos políticos e nomes máis protagonistas da escena político-económica actual, é descomunal. E de aí sae a maior parte do humor (¿negro?), da peza. Nomes como Merkel, Sarkozy, Rodrigo Rato, de Guindos, Rajoy... están de seguido nos beizos dos actores e actrices. Nomes que, por desgraza, están tamén no maxín de tódolos oíntes. Asombroso que se poida facer (e que o faga unha compañía galega) humor con esta panda de indesexables. Nesa liña foron sempre Els Joglars, salvando as distancias, claro.
Semella un experimento teatral, sen formato ríxido de: presentación, nó e desenlace. Máis ben parecida a Seis personaxes na busca de autor, de Pirandello, ou a súa versión moderna de Miguel del Arco La función por hacer, que disfrutamos no FIOT de hai ¿dous anos? Deste xeito vaise debuxando a peza, cun incrible sentido do humor e botando man de imaxinación e elegancia, ademais de graza.
Para levar adiante esta idea botan man de unha morea de formas interpretativas, penso que bastante orixinais. Así comezan por unha especie de teatro lido, ou mellor academia de dobraxe, onde os protagonistas son os países europeos que amosan unha personalidade, de seu, chocante. Unhas escadas mecánicas (podería ser calquera outra cousa) vai servir para subir, baixar, deitarse... A súa presenza no escenario é case monumental. Non entanto, coido que unha das mellores ideas foi o cuarto de baño: debuxado con luces, e deconstruido como unha pintura do impresionismo, quedamos só coa esencia do obxecto, deixando que a nosa imaxinación encha o resto; un espello, o dispensador de toallas de papel, os urinarios, o lavabo. ¡Extraordinaria escena! Parabéns.
E continuando cos trucos teatrais, tamén se atreveron a interactuar co público (non sei se espontaneamente) facendo que os espectadores berren e interveñan na acción do teatro; e mesmo que un deles suba ó escenario e mate a un dos nosos inimigos. Recurso escénico.
Como vedes, case tódolos comentarios que fago son bos. Eu estaba marabillado; en serio. Mais, ó facer o resumo ó final, decateime de que había detalles que non cadraban ben. Viña a ser un conxunto de trapos mellor ou peor cosidos. Digo isto porque pareceume que, nalgúns momentos entre escena e escena, o tempo era excesivo, co que esmorecía a acción; mentres que noutras escenas a velocidade e axilidade interpretativa eran desbordantes. ¿Non había director? Coido que un bo director faría unha peza maxistral, dotando ó conxunto, un tempo máis áxil e rápido, sen desigualdades. ¡Ó espectador non se lle pode dar descanso! Este contraste rápido-lento penso que foi o único que me impediu poñerlle un cinco na miña cualificación. Outra idea fantástica, literariamente falando e un bo remate da obra que alí vimos, é aquela frase que un a un, van repetindo todos e cada un dos personaxes mentres arrodean a unha das vítimas. Como un eco, coma unha resonancia, cada intérprete recita a mesma frase, case cos mesmos e repetidos movementos.
Imos mellorando: o noso teatro galego vai mellorando; o FIOT tamén vai mellorando e medrando. Isto nótase en moitos aspectos: ademais do crecemento da demanda de entradas (ata o punto de orixinar un problema de xestión), a figura de crítico de teatro que fun representando ó longo de tantos anos, xa non é tan importante como foi ata o de agora. Xa non estamos nos asentos do corredor central, hai disposicións, criterios máis importantes, aínda que eu non concorde con eles. Calquera día destes, cando se faga máis adulto se cabe, a figura que represento, pasará á reserva. Pero os fillos mandan, ¿non si? Sexamos correctos con eles.
Unha aperta.
PATIO DE BUTACAS
«EUROZONE», DE CHÉVERE
Unha peza cun incrible sentido do humor