«Se hoxe houbese un 'Prestige' teriamos a mesma resposta»

Juan Ventura Lado Alvela
J. V. Lado CEE / LA VOZ

CARBALLO

Barrientos fala pola radio na base de Protección Civil de Muxía, que foi clave no Prestige.
Barrientos fala pola radio na base de Protección Civil de Muxía, que foi clave no Prestige. x. búa< / span>

Ramón Pérez Barrientos viviu en primeira liña a catástrofe e a limpeza do chapapote

18 nov 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Ramón Pérez Barrientos (Muxía, 1961) é unha persoa coñecida no mundo de Protección Civil que desempeñou e desempeña diversos cargos directivos. Moita desta responsabilidade derivouse do seu bo facer e do papel que xogou como organizador en primeira liña dos recursos que había para limpar o chapapote do Prestige.

-¿Cal foi a primeira noticia que tivo do barco?

-Xa había rumores pero o que me puxo en alerta foi unha chamada, sobre as seis e media sete de Eliseo, o patrón da baca de Muxía, que me dixo: «O barco témolo aquí pegado á nosa costa». Saín a ventá e xa se vía, cun temporal moi duro e con cheiro a fuel. Iso foi no xoves e o sábado, que había un Madrid-Barça -acórdome ben porque son do Madrid-, despois de pasarmos a noite mareados, estaba o alcalde e todo o mundo e xa lles contei: «Isto ven todo para terra», porque é o que pasou sempre, todo o que se bota ao mar acaba nos coídos.

-¿Como se organizaron naqueles intres?

-Como podiamos. Moi malamente. Agora todos somos enxeñeiros e técnicos navais, pero daquela non era tan doado. Non coñeciamos nada nin de mareas negras nin de voluntarios. Cando chegaron os primeiros buzos brancos non sabiamos nin como usalos. Pedímosllos a unha empresa de Pontevedra; que fosen do máis baratiño que tivesen e mandáronnos uns 300 de pintor, que, claro, traspasaban a auga e acabábamos todos mollados. Houbo moitas situación anecdóticas. Os primeiros que chegaron foron uns mozos da universidade Carlos III de Madrid que foron dereitos para a praia limpar e despois, como é lóxico, os condutores nos os deixaban entrar nos autobuses porque estaban cheos de chapapote.

-¿Pensa que vostedes cumpriron o que non fixo o Estado?

-Aquilo foi algo que nos desbordou a todos. Un problema que nos trouxeron á porta da casa e para o que non tiñamos referencias. Eu o que espero é que se tome conciencia e que, na próxima, haxa un gabinete de crise con expertos -aquí, os políticos non teñen que pintar, nada, porque ao mellor son labradores e non saben disto- listos para actuar de inmediato. O que si estou satisfeito é do que fixemos, porque agora, 11 anos despois o 95 % dos voluntarios que volven a Muxía, que son moitos, preguntan por Protección Civil. Fixemos moitas amizades. Se tivésemos tempo e cartos poderiamos recorrer España enteira de casa en casa da xente que nos convida.

-¿Tamén houbo quen se aproveitou da catástrofe?

-Si, houbo empresas alamanas que viñeron de boa fe probar bacterias que comían o fuel e outras que trataban de vender o que fose. Tamén todos sabemos da picaresca que se da en todos os lados, pero creo que iso foi moi inferior a toda a actuación positiva de moita xente.

-¿Por que non se da esa resposta solidaria en temas como a crise económica?

-Eu penso que se hoxe houbese outro Prestige teriamos a mesma resposta solidaria ou incluso máis. As imaxes chegaban por televisión a todos os sitios. Agora, a necesidade que teñen por exemplo moitas familias, os comedores sociais e iso, non se ve tanto. Está moito máis deslocalizado, repartido por distintos sitios. En Muxía non pasa por exemplo, e aínda que somos moitos os que axudamos non se se percibe tanto. Pero a mostra de que en España somos un referente de solidariedade foi o accidente do tren. Metémonos todos alí aínda sen saber se podía ser un atentado con máis bombas.

-¿Segue habendo petróleo?

-Aparece algunha galleta pero moitas menos que cando eu era neno, que cubrían as pedras da Barca e a xente levábaas para a casa para arder ou pintar as portas. Desapareceu practicamente todo.

-¿Como valora a sentenza?

-Deille moitas voltas a iso, pero non sei moi ben que dicir. O que si está claro é que a aseguradora lavouse as mans e a indemnización fixada parece de risa respecto ao gasto que houbo e ao dano provocado. Daquela pagou o Estado, pero non sei se hoxe habería esa capacidade. Ademais, moitas das empresas que nos doaron material xa nin sequera existen. Eu pregúntome que pasaría se fose un barco español cunha aseguradora española en Rusia ou en Estados Unidos.