O escritor fisterrán Modesto Fraga acaba de regresar ao primeiro plano da actualidade literaria e faino abandonando temporalmente o seu espazo poético habitual para dedicarlle á súa vila natal un volume no que trata de recoller «a verdadeira esencia dese sentimento matricial que non é outro que a fisterranía».
Un proxecto frustrado da Asociación de Escritores en Lingua Galega para publicar unha guía da localidade foi a orixe, no 2008, desta obra, titulada Fisterra. A derradeira perla de occidente, na que Fraga foi moito máis alá desa idea inicial. «No libro -explica o autor- hai un lugar destacado para as lendas, tradicións e costumes locais, para viaxar e gozar do noso inxente patrimonio material e inmaterial, para descubrir a nosa formidable toponimia, os apelidos máis frecuentes do municipio ou as características da fala fisterrá, cos seus principais trazos».
Tamén teñen oco nas súas páxinas «os distintos persoeiros, que ao longo da historia, contribuíron a enxalzar o patrimonio cultural do municipio, entre os que destacan Alejandro Finisterre, Desiderio Paz Figueroa, Francisco Esmorís Recamán, Casto María Ínsua, Celia Rivas, Ramón Marcote ou o crego-poeta Matías Escariz». Ademais, o lector atopará roteiros «que todo visitante debe coñecer se aspira a poder dicir algún día que estivo en Fisterra, no Patrimonio Europeo, na Fin do Camiño, no Promontorium Nerium».
Os textos do autor van acompañados polas imaxes de Iván Fraga, así como por outras históricas tomadas por fotógrafos clásicos como Ramón Caamaño ou Manuel Ferrol.
Modesto Fraga ten previsto facer unha presentación do libro na localidade durante a próxima Semana Santa.