Os libros infantís e os autores da comarca animan a Praza dos Libros

Á. palmou CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

Os libreiros confirman a boa acollida dos escritores da Costa da Morte

30 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A de onte foi unha xornada de transición na Praza dos Libros á espera de que co fin de semana e, especialmente, co feirón do domingo, o xardín municipal de Carballo volva a ofrecer o seu mellor aspecto en canto a visitantes. Pero, con todo, non faltaron xa persoas dispostas a percorrer os postos na procura dalgún exemplar co que engordar as súas bibliotecas particulares.

Entre as adquisicións houbo dous polos que centraron a atención maioritaria dos compradores, tal como explicaban os propios libreiros pouco antes de pechar a xornada: a literatura infantil e xuvenil e as novidades editoriais chegadas da man dos autores da comarca.

Coincidindo co acto de presentación de Ningún amante sabe conducir, o novo poemario da carballesa muxiá Rosalía Fernández Rial foi un dos máis demandados onte, tal como ocorrera na xornada previa con Salseiros do cormelán Suso Lista e mesmo con Os televisores estrábicos, do cercedense Ramón Vilar Landeira -que visitará a Praza mañá-, segundo contaba Modesto Fraga desde o posto de Á lus do candil.

Na caseta de información do Concello, onde a última hora xa foran repartidos preto de medio cento de exemplares de Os Bolechas en Carballo -de balde ao mercar libros en un ou varios postos por un importe total de 30 euros-, o público tamén se interesou por un clásico xa doutras edicións desta feira da creatividade: os distintos tomos das Crónicas de Carballo de Xan Fraga.

Desde as librarías Brañas, Roget e Pedreira coincidían no interese que espertan os autores locais e no feito de que moitos pais, ante a obriga de recortar gastos pola crise optan por non mercar libros para eles, pero si levarse algún volume para os seus fillos. Ademais, o balance da xornada era similar nos tres postos: non houbo moita animación, pero xa era algo esperado; será mañá domingo, co feirón e a iniciativa Un libro un pan, cando a cousa se anime máis.

Para hoxe, co sol ameazando con atraer aos lectores cara as praias, depositan as súas esperanzas no tirón de Xosé Neira Vilas, que presentará dous libros ás 19.30 horas, e nos sempre ben acollido espectáculos para os máis pequenos, que chegará co colectivo Crea Formas e Raquel Queizás.