Arranca a irreverente Rúa dos Contos do FIOT

P. b. m. carballo / la voz< / span>

CARBALLO

Presentación da Rúa dos Contos.
Presentación da Rúa dos Contos. JOSE MANUEL CASAL

O festival carballés paralelo ao programa de sala inclúe 14 espectáculos e dúas estreas

03 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta noite comeza a 16.ª edición da Rúa dos Contos, «o irmán malote do FIOT». Así a definiu o presidente de Telón e Aparte, Alberto Sueiro, na presentanción de onte. Incidiu na categoría de «festival» que xa ten a cita, aínda que estea concibido como actividade paralela á programación de sala, ao teatro propiamente dito. Ten categoría de festival por varias razóns: por contido («a Rúa dos Contos reúne todo o bo destes formatos que hai en Galicia»), por extensión (serán, entre esta fin de semana e a que vén, un total de 14 espectáculos, dous deles estreas) e por público (ten o seu propio, creando noites animadas). Hoxe, actúan Themomento Impro, Os sete magníficos máis un e o carballés Rober Bodegas. Para este último, as entradas poden mercarse por adiantado (servinova.com) ou na billeteira do mercado, antes do comezo da función.

Á presentación da Rúa celebrada onte acudiron precisamente os responsables das dúas estreas deste ano. Por un lado, dende Os sete magníficos máis un, Pedro Brandariz e Fran Rei, O Gordo e o Calvo. Eles traen á capital de Bergantiños Bivalvos como galegos!, un espectáculo no que se enfrontan «a situacións diarias coma dous pallasos galegos», é dicir, «con moita retranca, moita sorna e moito humor popular». Así o dixo Rei, que fixo fincapé na estreita relacións dos dous con Carballo e co FIOT, nas súas diversas actividades. ¿Que pasa nas oficinas de emprego? ¿Que é iso de ir mercar un xornal e acabar levando para a casa de todo menos información? ¿Que é ese invento da «nova cociña?». Estas preguntas terán resposta no seu espectáculo («non subvencionado») desta noite. Setenta minutos, dirixidos por Iván Prado, nos que haberá «humor, improvisación, hulmidade, clown e crítica social e política». Brandariz incidiu no ben que se axeita este formato para as súas creacións: «Os teatros grandes están moi ben, pero o público está lonxe. Na Rúa dos Contos non». Animou á xente a ir velos.

A outra estrea chegará o sábado 11 da man de Antón Coucheiro, con Psicópata. Tamén el a presentou onte en Carballo: «É unha comedia negra na que colaboro con bastante xente. A min si que me deron subvención», bromeou cos seus compañeiros. Será case unha «superprodución» e, no seu caso, no mercado municipal: «É un moi bo traballo converter iso nun teatro».

A edila de Cultura, Mar Eirís, agradeceulles aos artistas a súa capacidade de facer rir á xente: «A min paréceme moi complicado».

21.00. Mesón A Cabaña. Themomento Impro, con «Improvisación».

22.30. Cervexería Dublín. Os sete magníficos máis un, con «Bivalvos como galegos!». Entrada: 3 euros.

00.00. Mercado. Rober Bodegas, con «Antoloxía sen filtro». 4 euros.