Neira Vilas é quen de lembrar a todos aqueles que estiveron con el nas súas visitas á zona: Modesto Fraga, Paco Abella, Nel Vidal, Barizo, patrón do barco Castelao...
-¿Anda un a cabalo de dous mundos logo de ser emigrante?
-Agora xa non vou alá. A última vez que fun, a Cuba precisamente, foi no 2008, con motivo da Feira Internacional do Libro, que foi dedicada a Galicia. Polo demais... Vivín 43 anos en América, primeiro en Arxentina e logo en Cuba, onde foron 31. A maioría dos meus libros escribinos en América, e logo mandábaos para aquí. Escribín todo, unicamente [fai fincapé nesta palabra] en idioma galego. Sempre. Mandaba para aquí e publicábanse. Ademais, moitos deles están dedicados a investigacións sobre os galegos en América. En Cuba cántase o noso Himno por primeira vez, alí ondeou por primeira vez a nosa bandeira, alí nace a Real Academia Galega, de América viñeron 317 escolas... En fin, hai moito que lle debemos á emigración. Son 17 os libros nos que trato a relación Galicia-América.
-Vostede que escribiu sempre en galego, a pesar das dificultades de entón, e agora que ve que o galego está morrendo, que morre...
-Non, non, non morre. Pensa que os rapaces que escriben galego escríbeno hoxe moi ben, perfectamente. ¡Agora o de falar! Uns falan, outros non... depende. Hai que mantelo. Nas escolas insisto sempre na riqueza do noso idioma, en que co galego podemos comunicarnos con moitos millóns de falantes, temos o luxo de ter neste pequeno país un idioma propio e unha literatura moi rica, é un dos grandes idiomas atlánticos. Eu fáloo sempre.
-Véxoo con moitas forzas.
-Si, si, si, vontade teño abonda.