Dende a Fundación Eduardo Pondal amósanse animados a seguir traballando pola recuperación do patrimonio, a posta en valor da aldea e a divulgación da figura e a obra de Pondal. Agardan para iso contar coa axuda das Administracións, e nese sentido teñen mantido varios encontros ultimamente. Esperan tamén que se poidan poñer en marcha algúns dos proxectos presentados pola Universidade de Santiago para O Couto. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, patrón da Fundación, ten tildado de «milagre» o que fan. Os responsables da entidade non desaproveitan a oportunidade de ir dar a coñecer O Couto e a súa actividade, así como de adquirir novos coñecementos. Fixérono en xuño acudindo a Asturias e xa antes cunhas xornadas de convivencia infantil no colexio Calvo Sotelo da Coruña, ou participando sempre no aniversario da morte do poeta na Coruña.
A fundación ten en mente novos proxectos inminentes, ademais de seguir dándolle pulo aos iniciados, como pode ser a Casa da Muller.
Escola de Inverno. En breve botará a andar unha nova edición. Con actividades na sede da fundación e na Casa dos Veciños. Xogos, contos, música, moita aprendizaxe...
Concerto de Susana Seivane. O 30 de decembro, á unha da tarde. Todo un luxo para pechar o ano.
2015, o ano de Pondal. O 2015 virá cargado de simbolismo para a fundación. Conmemórase o 50.º aniversario da celebración do Día das Letras Galegas dedicado ao bardo, así que queren que sexa especial, como o foi no caso de Rosalía ou Castelao. A actividade que dará pé ás iniciativas programadas vai ser algo histórico: o primeiro plenario da RAG na Costa da Morte será en Ponteceso, o 7 de febreiro, 180.º aniversario do nacemento de Pondal. Con motivo dos vinte anos de Simposio Pondaliano, a fundación quere organizar un curso de verán, así como, no caso das Festiletras, centrarse nos autores da provincia recoñecidos coas Letras Galegas.