Recibe unha axuda que non lle chega para afrontar os gastos do tratamento
23 ene 2015 . Actualizado a las 07:43 h.Hai agora un mes, estas mesmas páxinas contaban a historia de José Manuel Souto Pensado, un emigrante carballés en Alemaña, de cincuenta anos, enfermo de cancro e nunha complicada situación económica. Onte, Radio Voz Bergantiños falou con el para ver cómo evoluciona a súa situación.
-Antes de nada, ¿como se atopa?
-Máis ou menos. Tirando. A quimioterapia dá bastantes náuseas. Teño que seguir seis meses máis con varios ciclos de quimio, porque cando me operaron sospeitaban que o cancro se puido estender ao óso. Grazas a Deus non foi así, pero por precaución teño que seguir co tratamento.
-¿Que lle din os médicos sobre a evolución da enfermidade?
-En principio a cousa vai ben, pero teño que tomar quimioterapia por precaución, por se queda algunha célula canceríxena que se pode volver reproducir.
-¿Como foi a súa historia desde que chegou a Alemaña?
-Levaba catro anos no paro e non atopaba traballo nin en Galicia nin en España. Xurdiume a oportunidade dun emprego na feira de Frankfurt e vin para aquí. Fixéronme un contrato mes a mes e prometeron que a partir do sexto mes tería un contrato indefinido, pero non fixeron nada diso. O 13 de agosto doume un mareo no traballo. Ingresei por urxencias, fixéronme probas e detectáronme un cancro de colon en fase 3 que levaba catro meses medrando. Tiveron que actuar rápido, así que me operaron e comezaron co tratamento.
-E como reaccionou a empresa?
-O trato foi pésimo. Sabían que estaba ingresado e non tiveron nin a mínima delicadeza de chamarme para preguntarme como estaba. O único que fixeron foi chamarme a finais de agosto para dicirme, en poucas palabras, que me buscara a vida, que eles non me renovaban o contrato e punto.
-¿Que precisa agora?
-Preciso solucionar as débedas que teño e tamén necesito asesoramento, para saber que pasos teño que dar. Por causa das operacións e o tratamento, vaime quedar unha incapacidade e faime falta información.
-¿De que axuda dispón desde ese momento?
-Teño unha prestación que se queda curta. Son seiscentos euros, e só de apartamento pago catrocentos. Hai que sumarlle moitas máis cousas, porque aquí por cada receita e cada medicamento págase cinco euros. A maiores, cada vez que estás ingresado, hai que pagar dez euros por día de hospitalización durante os primeiros 29 días; cada botella do medicamento da quimioterapia son dez euros. Entre unha cousa e outra, vanse sumando as débedas.
-E di que agora a prestación termina...
-Remátase este mes. Segundo me dixeron, hai que ter un ano cotizado para que a renoven, e eu só teño nove meses cotizados, pero non teño moita máis información. Estanme asesorando a través de dúas organizacións, Misión Católica Española e Solidaridad Hispana, que están mirando o que se pode facer.
-¿E por parte do consulado?
-Absolutamente nada. Falamos cos departamentos de Asuntos Sociais e Traballo, fixéronme firmar unha carta de poderes, dixeron que se ían poñer en contacto coa Seguridade Social alemá e coa empresa, pero ata o día de hoxe, nada.
-¿Quere seguir o tratamento alí ou volver a Galicia?
-Os médicos aconséllanme que siga aquí, xa que saben como evolucionou o meu caso. Ademais, non sei se en España tería que esperar para seguir recibindo o tratamento... Non o sei.