
«A visita a Buño fíxome ver que a cerámica era o que quería estudar»
20 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.Alá polo ano 1985 era un estudante universitario que aínda non tiña decidido ao que se ía dedicar. Tiña un dilema, ou especializarme en Historia do Cine ou en Prehistoria e Arqueoloxía. Debía de tomar a decisión xa, pois no seguinte curso tocaba a especialización. O traballo en Historia do Cine sabía cómo era, pero en Arqueoloxía só coñecía a teoría, por tanto era o momento de pasar á práctica. Pasei polo que entón era o departamento de Arqueoloxía para informarme e petei na porta de Vázquez Varela, Coco para os amigos, e pregunteille por algunha escavación onde aprender algo máis. Coco, sen pensalo moito, díxome, vai ao Castro de Borneiro, alí Ana Romero e José Manuel Pose están a facer un gran traballo. Decidido, fun a Borneiro, a ver cómo é unha escavación, o que non me imaxinaba era que esta decisión ía ser tan importante no meu futuro.
Cando cheguei, tanto Ana como José Manuel non só me ensinaron cómo era unha escavación, senón que foron uns magníficos guías e anfitrións amosándonos a min e ao resto de voluntarios a zona. Durmiamos e comiamos en Ponteceso, onde nos mimaron como se fóramos da casa. Iamos tomar un refresco antes de comer á praia, refresco acompañado dunhas tapas de berberechos da ría acordes co grupo de famélicos que chegaba despois de toda una mañá traballando no castro. Explícome, a tapa era unha fonte a rebosar de berberechos que baixaba á mesma velocidade que a fame que tiñamos. Aquilo desaparecía con tanta rapidez que decidiuse cronometrar o tempo que tardaba en evaporarse: apenas superaba o minuto.
Ademais de comer como reis (o tiñamos gañado, certamente) os días libres íamos de excursión e Ana e José Manuel puxeron especial interese en amosarnos as marabillas da zona. Eran de visita obrigada o Dolmen de Dombate, que entón aínda estaba medio soterrado, ou Pedra da Arca, onde nos contaban a lamentable historia de cómo unha barrena partira a tapa en dúas para facer unha mesa de merendeiro.
E así, entre escavación, boa comida, trato agarimoso e visitas culturais foi transcorrendo o mes da campaña de escavación. Chegaba a despedida, sempre triste despois de estar compartindo vivencias cun grupo de xente moi agradable durante 30 días. E para esta despedida tiñamos outra visita obrigada nas campañas de Borneiro, que ademais ía acompañada de agasallo. Había que coñecer Buño e dábannos como recordo unha peza de barro. Como non, fomos a Buño e a min tocoume como agasallo un caneco. Recórdoo ben, era de barro vermello, vidrado con chumbo e decorado cun motivo sinxelo en barro branco. Non sei que foi daquel caneco, traspapelouse nun dos moitos cambios de piso que faciamos os estudantes, pero téñoo moi presente, foi un dos agasallos que máis me gustou na miña vida.
Nesa campaña de escavación en Borneiro decidín que a arqueoloxía era o meu, a visita a Buño e aquel caneco fixéronme ver que a cerámica era o que quería estudar e por se fora pouco quedei bautizado como Paco. Dende entón son Paco, arqueólogo especializado en cerámica e un namorado de Buño e da Costa da Morte.
Os anos, máis traballos e máis estudos volvéronme a traer ata Buño e a súa olería. Quen me ía dicir a min que acabaría dirixindo o Ecomuseo do Forno do Forte?
DNI
Nacido en 1964 en Cambre, José Francisco Doval Galán é Licenciado en Xeografía e Historia, coa especialidade de Prehistoria e Arqueoloxía. Realizou traballos formativos para o Concello de Santiago e con posterioridade comezou a colaborar coa Deputación da Coruña. Hai 15 anos comezou a traballar na restauración do museo Forno do Forte e tras abordar a súa musealización no 2005, asumiu a súa xerencia no 2006 -ano da súa inauguración-, cargo que vén desempeñando desde entón.