Teño a sensación de que a pouco que se nos rañe un pouco sáenos de dentro o Alfredo Landa que aínda levamos dentro e que está agachado cun simple vernis.
E ollo, non me refiro ao actor, tan respectable como calquera, senón ao personaxe que representaba, ese prototipo ao que se lle caían os ollos mirando para as suecas loiras, atacando a todo o que se movera e piropeando con máis intención -libidinosa- que arte.
Isto vén a conto dunha serie de escenas que tivemos que aturar o outro día na praia de Niñeiriños, na Pobra do Caramiñal que, se non o saben, é das poucas praias nudistas que temos no litoral arousán do Barbanza. Eu non fago nudismo na comarca porque me dá reparo andar ensinando as carnes ao tendeiro e ás compañeiras de gardería, pero teño ben de respecto a quen o fai.
Así que estabamos mesturados uns poucos «textís» e «#enpelotaris», con toda a tranquilidade, cando chegou un destes barquiños de veraneo e xa dous machotes se puxeron a opinar en voz alta do traseiro dunhas mozas espidas e suxerindo apuntar a proa cara alí -cáptese a sutileza humorística deses dous fenómenos-.
Ao pouco, un pai que viña cos seus fillos adolescentes comezouse a rir directamente dos corpos magros que estaban tendidos pola area, ante a sorpresa dos seus fillos, tamén de viva voz.
Parecía, xúrovolo, que estabamos de volta nos setenta e o cura andivese encirrando os veciños contra os veraneantes ciroleiros. Os tempos cambiaron pero algunhas cabezas aínda viven no Paleolítico Inferior.