Os versos de Modesto Fraga e Rosalía Fernández Rial pecharon o segunda día da feira literaria carballesa
23 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Os produtos do campo non acompañaron onte á Praza dos Libros e a ameaza de tormenta tampouco foi o mellor aliado dos libreiros. Pero a cita carballesa superou a sesión cun animado programa de actividades e co estímulo para as ventas que sempre supón a presenza de autores con novidades que firmar e presentar.
O obradoiro infantil de arte de impartido por Mon Lendoiro, as actividades que a Biblioteca organizou para os máis pequenos e o concerto tamén para ese público de Oviravai fixeron avanzar unha xornada que gardou para o seu tramo final sendas citas con dous escritores da comarca.
O fisterrán Modesto Fraga foi o primeiro en facer acto de presenza na carpa do xardín municipal. Fíxoo acompañado polo seu editor, Henrique Alvarellos, e para presentar en primicia Adagio por outono (Alvarellos), a obra coa que gañou o 41º. Certame Literario do Concello de Vilalba. Neste novo libro Fraga rende homenaxe aos poetas italianos do século XIII que revolucionaron a poesía do seu tempo e trazar paralelismos e un diálogo artístico entre aqueles autores e as obras do renacemento e os poetas e monumentos galegos: da Capela Sixtina ao Pórtico da Gloria ou da Divina Comedia de Dante ao Divino Sainete de Curros Enríquez.
A continuación foi a quenda da Rosalía Fernández Rial, que fixo gala da súa condición de carballesa enchendo a carpa, e que botou man unha vez máis do músico Serxio Moreira -e da ilustradora Emi de las Heras para declamar os versos do seu Contra-acción (Neopatria).
Hoxe
11.30. Obradoiro • Obradoiro artístico a cargo dos integrantes do colectivo Crea Formas.
12.30. Vermú científico • Presentación do libro do catedrático de Física Jorge Mira ¿A que altura está o ceo? (Alvarellos).
18.30. Música • Sesión de concerto e animación infantil de Servando Barreiro a partir do libro A música das árbores (Xerais).
19.30. Poesía • María Lado presenta o seu poemario Oso, mamá, si? (Xerais).
20.00. Presentación • O carballés Xurxo Chapela presenta o sue libro álbum de recordos Lémbrome (Positivas).
21.00. Música e humor • María Lado e Lucía Aldao pechan a xornada con espectáculo musical, poético e humorístico AldaoLado.