
A comarca é o lugar de inspiración do segundo disco de Brais Morán, «No Mato do desespero»
26 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Canto para os nenos da Costa da Morte, e as mulleres que veñen do mar; Canto para as nenas da Costa da Morte, e os homes que amasan o pan... Así di parte da letra do tema Cando imos para ese lugar, feito «de raíz pura», canto ao positivismo, e escollido por Brais Morán, músico con raíces en Bergantiños, como carta de presentación do seu segundo traballo discográfico en solitario, No Mato do desespero. Xa está na rúa. «A Costa da Morte toca no corazón», confesaba horas antes da súa entrevista, onte, en Radio Voz Bergantiños. Unha peza aberta ao mundo na que mesmo se pode buscar unha similitude coa música africana. De fondo, detrás, unha muiñeira marca o ritmo.
-¿Que nos avanza do disco?
-Acaba de saír esta pasada semana, estamos xa con el a tope. No Mato do desespero é un traballo que reúne moitas pesas, moitas condicións, é un traballo moi ecléctico. E aí estamos tamén con Cando imos para ese lugar, esa onda, ese himno á Costa da Morte.
-Ten especial relación con ela.
-A verdade é que si. Dende pequeno, pola miña familia materna. Teño moitos vínculos na zona de Ponteceso e Corme, incluso ultimamente tamén chegando moito á parte de Camariñas. Todo ese mato, ese bosque, esas praias, esa costa, é o lugar de inspiración onde quixen construír este disco.
-Ten dito que «Cando imos para ese lugar» fala da Costa da Morte, pero que calquera persoa se pode sentir identificada, interiorizar a súa propia Costa da Morte.
-Si, exactamente. Falo da terra, da educación, do sentirse vivo, é un canto á esperanza. Os nenos, as nenas... Ten ese compoñente onde se invirten os papeis, falo da igualdade, dos homes que amasan o pan e das mulleres que veñen do mar, rompendo os canons. Falo neste tema, tamén, do positivismo, do non ter reproches, de loita. Logo, todo isto cada un pode interpretalo e vinculalo á súa maneira, ao seu mundo, por iso se chama Cando imos para ese lugar. No meu caso, está moi presente a Costa da Morte.
-¿Por que «No Mato do desespero»?
-O título é un verso do poeta mozambicano José Craveirinha. Ao mesmo tempo, o músico Fran Pérez Narf usouno tamén no tema Quero ser tambor. Hai moito de Narf neste disco [é, pois, unha dobre homenaxe]. Non obstante, eu leveino á miña interpretación, ao meu terreo. O mato -que ademais é o meu segundo apelido, da Costa da Morte- representa ese lugar onde quero concretar ese berro de desespero. Un berro de desespero musical á natureza, que non é máis ca un camiño cara a esperanza. Un camiño ansioso e feliz, de pensar que o mellor momento sempre está por chegar. Hai moitísimas cancións diferentes no disco, hai unha grande partida no tradicional, na música étnica, os sons da África, do Brasil... Cousas que sempre usei. Hai unha grande referencia a Loretta Martin, volve estar Fran Sanz no baixo, e mais Marcos Pazo e Manu Seone, músicos habituais da banda. Logo, colaboracións como as das Tanxugueiras, Ugia Pedreira, Patri Gamallo... Tamén Xiana Lastra, no vídeo do single. As bailadoras -Carme Campo e Chus Caramés- déronlle un punto máxico a Cando imos para ese lugar. Case se pode dicir, pois, que é un disco de músicas do mundo. A recepción da xente está sendo moi boa, transmítese a mensaxe de positivismo que lanzamos: «É que me inspira ganas de vivir», din. E os que formamos parte deste traballo somos, ademais, moi amigos.
-¿Que agarda deste disco? Xa é importante esa mensaxe, ¿pero que máis destacaría?.
-Gustaríame que este single chegue a todos os lugares da Costa da Morte, pero xa con respecto ao disco, ao longo de todas as cancións pode verse unha coherencia moi grande. Están falando dese compoñente esperanzador, de cousas que pasan no día a día e que vou interiorizando. Son pezas diferentes, pero con esa coherencia, e quizais si poida dicir que este sexa o disco onde haxa máis concepto, dentro de min, de cara ao mundo. Hai unha mestura entre o salvaxe e o doce. Sempre vén ese concepto do agora, do presente.
-¿Cando o poderemos ver?
-Arrincamos a xira este venres [mañá] en Lugo e seguiremos o domingo na Sala Capitol de Santiago [20.00 horas, entradas en Ticketea]. Penso que a cita máis próxima na Costa da Morte vai ser o 8 de xuño, en Laxe, na sala A Ventana. Antes diso estará tamén a presentación na Coruña, o 11 de maio.