
Crítica teatral | «Iphigenia en Vallecas», de Serena Producciones | Efectos sonoros pouco salientables e discurso demasiado rápido e monótono. Precioso final, porén
22 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Cun certo reparo, sento na miña cadeira de escritor temporeiro, na pescuda das palabras e das frases que mellor acaian, para non incomodar ó público que compartiu esta noite de teatro comigo. É un grande reto. Á saída da función de hoxe, alguén me felicitou pola miña esixente crítica de Fedra, e catro pasos despois, outra persoa pedíame máis misericordia para Lolita. «E a ver que fas co de hoxe». ¡Ai, que vida máis dura a de crítico! É curioso de que maneira a mesma obra, a mesma historia, teña tan dispares resultados, á hora de interpretalos, á hora de sentilos. Vella, moi vella discusión, pola miña parte, esta na que cada un de nós valoramos de distinta maneira, sopesando de distinto xeito. De aí a disparidade final.












Cheguei ó día de hoxe, cunha certa ilusión e esperanza. Dábame bo rollo, esta peza teatral. Se les de que vai, non podes por menos que pensar «isto ten que estar ben». Un rebumbio de prantexamentos sociais que, decote, ocorren nos universos urbanos. Desta vez en Madrid. A trama, soa ben. Máis que aceptable. Vexamos máis material.
En principio Iphixenia é o nome dun mito (como non) grego, onde esta dona é sacrificada ante os deuses, para que os barcos de Agamenón, poidan chegar a Troia. Un lío campal, como dirían os malpicáns; mesmo hai distintas versións na antigüidades, onde (como sempre) os deuses e deusas son os protagonistas, e os mortais son esfolados de continuo. Os xefes, son os xefes. Mais o que imos ver hoxe trátase dunha adaptación do ano 2015 (aí ó lado), do dramaturgo galés Gary Owen coa súa Iphigenia in Spott (barrio de Cardiff, Escocia), peza premiada do Festival de Edimburgo, e onde os deuses desapareceron, e a Iphixenia protagonista, non ten nin asomo de parecido coa da obra clásica, a menos que o sempre benevolente público considere que esta Iphixenia de hoxe, representa a vítima que achanta con tódalas desigualdades sociais, coas crises económicas recentes, e, en xeral, coas grandes relegacións dos cintos obreiros das aforas de Madrid. Eses antiparaísos, ateigados de roña, insalubridade e mal vivir; onde estar borracho ou drogado son a norma; onde a desesperanza medra de seguido en cada fogar, en cada persoa, compañeira case inseparable dunha pobreza que dá miseria. Este é o ceo da nosa Iphixenia, Ifi, para os amigos, que a pesares de tantos infortunios, loita contra a marxinalidade. Ou non. No medio de tanto esterco, agroman, asemade, como ilusionantes flores, o amor de nai, e mesmo a esperanza do amor dun home, que nunca vai chegar. Coido que estades en situación de adiviñar, que cantidade de cousas vanlle e pódenlle pasar a diario, neste desacougante ambiente de desamparo.

















Excelente oportunidade de denuncia social: trátase da descrición dun mundo, mellor un submundo coas súas propias claves, as súas propias nubes, o seu propio sol. Aquí as palabras son sempre as mesmas (poucas). Ás veces gritando, outras rumoreando. E outras máis, que non existen: aquí non se oen. O mesmo ocorre cos servizos. As prioridades, sempre as mesmas: o alcohol, os cartos, a roupa, sexo, xulgar, tusir, amar... A amizade, a familia... Este barrio, subconxunto do grande conxunto de Madrid, é como outro mundo, outro universo; coas súas propias leis; cos seus berros desesperados: «No tengo amor, no tengo novio, no tengo sitio donde vivir, estoy más sola que la una...., no tengo amor, no tengo novio....».
Pasemos finalmente ás valoracións técnicas e ás miñas apreciacións. O patio de butacas amosaba un case pleno, como vén sendo habitual. O escenario é austero e case simbólico do lugar; a modo de metáfora de ausencias.
E cómpre salientar, que non o fixen ata agora adrede: que estamos a ver unha obra de teatro, na súa modalidade de monólogo. Aclarar que este tipo de representación, presenta un alto grao de dificultades por razóns fáciles de apreciar. E non é a menor delas, a dificultade de execución, por parte do intérprete, en canto a súa capacidade para presentar diversos rexistros, modulacións, velocidades, etc. En definitiva, o seu traballo vai estar sometido a un severo test. Case ningún director frecuenta os monólogos, polo dito. E se teñen lugar, temos que supoñer que o intérprete da devandita función, vai cumprir as expectativas postas. Non parece lóxico, pois, levalo a cabo, de non ser así. Tamén para o director, que debe administrar os tempos, os silencios, os movementos... Deste xeito convértese nun sinal de posible boa obra.
Hai pouca utilería, e os efectos sonoros, parcos e pouco salientables. Correcta a iluminación.
Polo dito: valente María Hervás na interpretación de Iphixenia, mais a primeira media hora asusteime. O discurso era demasiado rápido, e monótono. Desde logo antinatural, que quere significar non natural: ¡así non se fala! Máis pouco a pouco melloran as entoacións, e aparecen máis rexistros. Co que, finalmente, e tendo en conta o reto, doulle (pola miña parte) un seis sobre dez, a María Hervás, polo seu traballo. Se apreciades outra cousa, seguramente tedes razón: a vosa razón. Mais a miña valoración, é esa.
Precioso final; achegándose ó proscenio, a protagonista, cara o público, manifesta este dramático berro desesperado: «Me pregunto..... ¿qué más puede pasar»