A figura de Antonio Fraguas percorrerá os coles de Galicia grazas ao San Luís Romero

Cristina Viu Gomila
Cristina Viu CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

O colexio carballés obtivo por segundo ano consecutivo o premio do concurso exposición das Letras Galegas

07 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

«Non esquezades nunca das vosas raíces e falade galego». Con estas palabras rematou Antonio Fraguas (moi ben representado polo neno Anxo Andrade) a entrevista que lle fixeron un trío de minixornalistas que representaban aos medios de comunicación da zona. Foi un dos actos principais da entrega, onte, do premio do concurso exposición das Letras Galegas deste ano, que veu traer persoalmente a conselleira de Educación, Carmen Pomar. A ocasión non merecía menos porque é a segunda vez consecutiva que o colexio Xesús San Luís Romero, de Carballo, gaña este galardón. Iso supón que nos colexios galegos e en moitos de fóra, estudarán a vida e obra do autor elixido este ano para o Día das Letras Galegas cunha unidade didáctica confeccionada polos profesores e estudantes do centro carballés.

Foi unha xornada moi emocionante, especialmente para Carolina Martínez, sobriña neta de Antonio Fraguas que chegou as bágoas en varias ocasións. Moitos dos presentes estiveron tamén cerca porque o pequeno Antonio Fraguas foi quen de dar vida a un home traballador, amable, mestre e namorado da súa terra e das súas costumes e tradicións. De algúns dos seus versos deron conta un grupo bastante numeroso de alumnos de distintas idades. Cada un coa súa estrofa, cada un coa súa cadencia e a súa voz foi quen de revivir o espírito de Antonio Fraguas.

A exposición que fixo gañadora a comunidade educativa do Xesús San Luís Romero está na entrada do centro. Ben se ve que o persoeiro deste ano das Letras Galegas amaba a etnografía. Mesmo por riba da arqueoloxía ao que era tamén moi afeccionado. O motivo é que normalmente as pedras perduran, pero a cultura popular vai desaparecendo se ninguén se ocupa de gardala.

Coa conselleira Pomar, que mesmo bailou a versión de Aldeíña aldea que fixeron, en conxunto tódolos alumnos e non poucas profesoras. Foi a parte final dun acto longo, con intervencións de tódolos presentes na mesa (representante de Feiraco, alcalde de Carballo, conselleira de Educación, director xeral de Política Lingüística, sobriña-neta de Antonio Fraguas e directora do centro), pero que os nenos aguantaron con calma, á espera das súas intervencións.

Os nenos Lola Ferrero e Gerardo Latapié e a profesora Ana María Brandón, recolleron o certificado do premio e Sabina Facal, coordinadora de actividades extra escolares, a dotación económica. Hugo Giance e Paloma Delgado, de infantil, recibiron o apoio de Feiraco en forma de produtos lácteos.

Ao final houbo a tradicional foto de familia e case quedaron citados para o próximo ano porque a directora, que se confesou moi refraneira, dixo que non hai dous sen tres. Será certo?

Ana Garcia

O alumnado do Alfredo Brañas reflexionou sobre noticias falsas

O instituto Alfredo Brañas de Carballo foi escenario onte de un dos 90 obradoiros da cuarta edición de Xornalismo na escola, unha iniciativa do Colexio de Xornalistas de Galicia e a Obra Social de La Caixa. Uns 2.000 alumnos participaron este ano neste programa, que a semana que vén chegará ao Maximino Romero de Baio.

Na xornada de onte, en tres aulas de primeiro de bacharelato, os estudantes reflexionaron sobre as noticias falsas. Foron tres obradoiros simultáneos impartidos polos colexiados Susana Bastón Carballo, Davide Fernández García e David Fontán Bestilleiro. Consideran que estas iniciativas son moi necesarias para formar a mocidade no uso dos medios de comunicación. Sobre todo conseguir que os mozos poidan distinguir as noticias falsas das informacións verdadeiras. No encontro tratouse de deixar claras as claves de todo o que hai detrás dunha nova e dos medios de comunicación á hora de combater os enganos.

Os obradoiros chegaron este ano a case medio centro de institutos de Galicia. Na xornada de onte participou tamén nestas actividades o delegado de La Voz de Galicia en Carballo.