Manuel Vilar, novo director do Museo do Pobo

Xosé M.ª Lema PRESIDENTE DO SEMESCOM

CARBALLO

28 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

En cumprimento do acordo da anterior asemblea do Padroado do Museo do Pobo Galego, o seu Consello de Goberno aprobara o 10 de xaneiro de 2019 a convocatoria do concurso de méritos para a selección da candidatura á dirección do MPG, segundo unas bases establecidas.

Presentáronse doce persoas para o cargo. Tras as correspondentes seleccións, ao final a Comisión encargada acordou por unanimidade propoñer para o cargo a Manuel Vilar Álvarez, polo seu currículo e polo seu proxecto para o Museo, considerado o máis realista. Faltaba o visto e prace da asemblea ordinaria do Padroado, que se celebrou na mañá do 25 de maio, e nela aceptouse por unanimidade a proposta da Comisión: Manuel Vilar, novo director do Museo do Pobo Galego, cargo de grande importancia e responsabilidade. Lembremos que Antonio Fraguas, recente protagonista do Día das Letras Galegas, ocupara ese cargo durante anos. Manolo Vilar (Santa Mariña, Muxía 1956) é licenciado en Xeografía e Historia e máster en Xestión de Patrimonio Cultural. O seu labor desenvolveuse maiormente en antropoloxía e patrimonio, e foi comisario de varias exposicións, como a que tivo lugar no Museo do Pobo no 2012 con motivo do terceiro centenario do arquitecto ceense Domingos Antonio de Andrade. Tamén fixo traballos de delimitación do Camiño de Santiago a Fisterra e a Muxía (e, hai pouco, de Santiago a Muxía por Brandomil). Sempre estivo ligado a todo tipo de roteiros xacobeos, e forma parte de varias asociacións sobre o tema. O seu traballo O camiño á fin da terra recibira no 2010 o Premio da Cámara de Comercio de Santiago e dos Camiños Xacobeos. Hai pouco tempo presentou O Camiño de Santiago a Muxía por Brandomil (editorial Alvarellos, 2019).

No que me toca máis de preto, levo colaborando con Manolo Vilar desde hai moitos anos. Xuntos fixemos o libro Os faros da Costa da Morte (Galicia), publicado pola Asociación Neria en 2001 e pioneiro na exitosa Ruta dos Faros. Tamén despois unha edición en castelán, xa esgotada. Xunto con outras 66 persoas fora en 2005 socio fundador do Seminario de Estudos da Costa da Morte e veu colaborando con esta entidade como directivo ata a actualidade, e con publicacións como Romarías da Costa da Morte (2011) ou Os cruceiros máis sobranceiros da Costa da Morte. II. Comarca de Fisterra e concellos de Mazaricos e Carnota (2015). Tamén foi coguionista, codirector e narrador de documentais do SEMESCOM, como Faros da Costa da Morte (2010), As imaxes de Santiago nas igrexas e santuarios da Costa da Morte (2011) e A romaría da Barca (2012), que se poden descargar libremente de www.semescom.gal.

Xosé María Lema, presidente do Semescom.