«Un paseo fluvial por Baio», crónica de Xosé María Lema

Xosé María Lema

CARBALLO

XOSE MARIA LEMA

De ponte a ponte nun itinerario cargado de historia: polas beiras do río do Porto

28 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O 22 de xuño, dúas ducias de persoas da comarca e de fóra dela fixemos un percorrido polas beiras do río do Porto, polas parroquias de Baio, O Allo, Lamas e San Cremenzo, para rematar xantando na área recreativa de Pedra Vixía. Foron uns 16 quilómetros, pero os menos habituados a estas distancias -entre os que me conto- poden facer traxectos máis curtos, e agora que este 30 de xuño se celebra a Festa da Carballeira en Baio hai unha boa oportunidade para que algúns dixiran a comida cun curto paseo sen ter que saír da parroquia. De ponte a ponte, coma no xogo da oca: da de Baio á da Cacharosa. A Devesa queda case equidistante das dúas.

Poñendo en valor estes paseos fluviais, hai pouco a asociación Tabeirón tivo a boa idea de situar letreiros sinalando os sitios máis sobranceiros e as distancias entre eles. Vin que tamén se construíra unha pontella de madeira no remate da carballeira para pasar á beira esquerda do río, e, así, chegar decontado á area recreativa de Pedra Vixía. Un luxo ter tan próximos os dous frondosos arboredos.

Nos tres quilómetros entre as dúas pontes baiesas ben que se podían organizar curtas visitas guiadas nas que se falase, ademais da rica paisaxe natural, de enclaves etnográficos (muíños), monumentais (pontes) e mesmo históricos (o desaparecido campamento da Cacharosa). Debera poñerse máis en valor, en primeiro lugar, a ponte de Baio, lazo de unión coa Piroga (Bamiro), un bo modelo de ponte de mediados do século XIX: sabemos que se fixo en 1852 e que nela traballaron homes e mulleres de Baio e Bamiro ás ordes de Tomás de Castro -que debía ser o enxeñeiro- e do mestre canteiro Manuel Veloso, natural de Soesto e veciño de Baio. Esta ponte é hoxe o principal símbolo baiés, pois figura nos escudos das entidades deportivas e culturais.

Polo paseo fluvial -inaugurado en 2007- chegamos á carballeira da Devesa, das poucas que quedan na comarca. Na súa parte sur desemboca o río de Vilar. Pola súa zona leste pasamos a pouca distancia dunhas casetas abandonadas, que nos dan pé a falarmos do oficio de fogueteiros que tiveron varias familias baiesas, xa desde o século XIX. Máis adiante vén o muíño e a presa das Quintas, xa existentes en 1753 (Catastro de Ensenada).

Muíño de Su a Agra

Despois do instituto -co seu mural das pandeireteiras- chegamos á fachada do campo de fútbol, onde atopamos o muíño Vello de Su a Agra, xa citado en 1644 nos documentos dos Rioboo do Allo. Río arriba e a uns 250 metros veremos a represa e o que queda do muíño Novo de Su a Agra, obras datadas en 1732. Aquí desemboca o río de Zas, o afluente máis longo, tras atravesar, dividido en varios brazos, a área de Pedra Vixía, exemplarmente acondicionada por membros da Tabeirón a finais dos 90.

Achegándonos á Cacharosa poderemos situarnos no lugar onde se instalara un campamento militar entre 1943 e 1944, e de paso lembrar os avatares da Segunda Guerra Mundial. A ponte Lodoso foi construída en 1898, como remate do tramo de estrada Santa Comba-Baio (por certo, que o capataz andaluz das obras non era moi ben visto por algún cura). Mesmo o diminuto regueiro do Allo ten a súa importancia, pois serve de linde ás parroquias do Allo e Baio desde tempo inmemorial (xa se cita en 1644 este “riego” nos documentos dos Rioboo). Parabéns á directiva de Tabeirón pola iniciativa da sinalización (que pode completar cos séculos da construción de cada obra), e polo propósito de restaurar o muíño Novo de Su a Agra. Algún día haberá que colocar unha placa en Pedra Vixía que lembre os promotores desa fermosa área recreativa. De Baio tamén merece unha visita o paseo fluvial de Fornelos, ben preparado pola asociación de veciños A Fonte.