Moraime, un tesouro da Costa da Morte aínda por descubrir

xan fernández carrera CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

«Poucos sitios desta nosa rexión costeira dispoñen de tanto potencial histórico»: escribe Xan Fernández Carrera 

14 ago 2020 . Actualizado a las 08:00 h.

Abondosa é a riqueza patrimonial da Costa da Morte. Se singular é a súa paisaxe natural, non resulta menos destacable o seu patrimonio histórico e cultural. No eido histórico dispoñemos dun completo conxunto de vestixios que ofrecen unha cumprida representación en todas as etapas históricas, o que mostra que se produciu unha intensa ocupación do territorio desde tempos moi antigos. No aspecto cultural as manifestación son múltiples e diversas, tanto no que se refire ao mundo material como inmaterial. Non obstante, o grao de coñecemento e valoración que a cidadanía percibe desta riqueza patrimonial resulta insuficiente, por iso aínda queda un notable labor pedagóxico que realizar. Son moitos os lugares dos que se sabe moi pouco, e outros que a pesar de termos un certo grao de coñecemento, aínda agochan debaixo da súa denominación grandes segredos, como sucede con Moraime. Poucos sitios desta nosa rexión costeira dispoñen de tanto potencial histórico como este do concello muxián.

Del quédanos por descubrir o seu pasado romano, que saíu á luz no ano 1972, cando se abriu unha gabia na leira situada ao sur da igrexa parroquial. A pesar dunha curta intervención arqueolóxica dirixida polo investigador Manuel Chamoso Lamas, os datos que se conservan deste xacemento son escasos. O que podería ser o asentamento romano máis occidental do continente europeo permanece agochado baixo unha capa de terra cuberta de herba, que ata hai pouco tempo, alimentaba a un pequeno rabaño de ovellas. O mesmo sucede coa necrópole xermano-visigoda, descuberta durante esa mesma escavación. O xacemento permaneceu ao descuberto durante tempo e sen ningún tipo de protección, polo que sufriu o saqueo de oportunistas e parte dos seus restos foron parar a mans privadas.A Moraime chegaralle o seu momento álxido coa fundación do mosteiro bieito do medievo, que o converterá no centro reitor das terras que actualmente ocupan o sur da Costa da Morte. O seu abade, xunto co resto de monxes que constituían a comunidade relixiosa, será o encargado de organizar e estruturar este territorio da antiga comarca de Nemancos, outorgando terras en foros ás familias que se van asentando, fundando igrexas que darían orixe a novas parroquias e estendendo a relixión cristiá, e ao mesmo tempo, combatendo enraizados cultos pagáns que practicaban os seus habitantes.

Os reis do momento vanlle conceder a este mosteiro terras e privilexios que agrandan o seu poderío económico e xudicial. Era tal o prestixio deste centro relixioso que a comezos do século XII, Pedro Froilaz, conde de Traba e aio do que sería o futuro rei Alfonso VII, elixiu Moraime para protexer e educar durante un tempo ao príncipe Alfonso, mentres a súa nai, a raíña Urraca, se enfrontaba aos partidarios do seu segundo marido, Alfonso o Batallador, rei de Aragón.

Aquel futuro rei, en agradecemento pola referida acollida, converterase nun gran benfeitor de Moraime e contribuirá á reedificación deste mosteiro que fora destruído pola invasión sarracena de 1115, segundo recolle a Historia Compostelana.

Durante este século XII e parte do seguinte, Moraime vivirá a súa época de esplendor, aumentando o seu patrimonio e dominio do territorio, á que lle seguirá unha etapa de decadencia cando a nobreza local se apodera de terras e rendas pertencentes a esta comunidade relixiosa. Logo chegará a súa transformación en priorado dependente, primeiro de San Benito de Valladolid, e despois, de San Martiño Pinario de Santiago. Os monxes de Moraime dispoñían de coutos e outras propiedades en diferentes lugares da Costa da Morte, desde a Ribeira Baixa do Anllóns ata a Terra de Xallas, e chegaron a exercer o padroádego de ata vinte parroquias de Bergantiños, Soneira e Nemancos.

Dificilmente se poderá entender a historia da Costa da Morte sen coñecer a historia de Moraime. O resplandor deste foco cristiá estendíase por todo este territorio e a súa influencia non foi só relixiosa, senón tamén social e económica, sobre todo durante a Idade Media. Sen a existencia do mosteiro de Moraime dificilmente se podería explicar a fundación da vila de Muxía e do santuario da Virxe da Barca.

Clave na fundación de Muxía

Detrás da lenda cristiá da chegada da Virxe nunha embarcación de pedra a este lugar, está o labor evanxelizador daqueles frades. Tampouco entenderíamos a lenda da presenza do Apóstolo Santiago a estas terras máis occidentais de Galicia, que daría orixe á chegada de peregrinos. O mosteiro de Moraime foi o primeiro centro de acollida destes camiñantes, así aparece escrito nun documento do ano 1119. A existencia da actual ruta xacobea de Fisterra e Muxía fundaméntase neses alicerces lendarios do medievo creados polos monxes moraimeses coa intención de atraer cara á relixión cristiá os vellos cultos que aquí se practicaban.

Moraime representa un dos maiores símbolos históricos da Costa da Morte e como tal, conserva un enorme potencial para o tipo de turismo que mellor lle acae a este rexión, o de tipo cultural, pero para que este ben patrimonial cumpra esa misión, será necesario realizar algunhas intervencións. Conviña protexer o xacemento arqueolóxico que forma parte do conxunto, a poder ser adquirindo a propiedade dos terreos nos que se sitúa e levar a cabo algunha prospección arqueolóxica para ampliar os coñecementos sobre estas primeiras etapas históricas. Cumpriría dispoñer dun horario de visitas guiadas durante o ano á igrexa e ao resto do conxunto. Precisaríase habilitar un aparcadoiro no espazo da antiga estrada que se dirixía a Muxía para autobuses e vehículos particulares.

Deberíase crear un centro de interpretación no que se expoñerían materiais extraídos de escavacións pasadas e futuras, exposición de paneis informativos e proxeccións audiovisuais. E por último, sería recomendable crear un programa de actividades relacionadas coa historia de Moraime: recreacións teatrais, actuacións musicais, exposicións, encontros relacionados co camiño xacobeo ou rutas guiadas polos lugares que estiveron baixo a súa influencia. Lugares coma este contribuirán ao desenvolvemento cultural e económico desta Finisterrae europea.

Mañá, presentación de Xan Fernández 

Xan Fernández Carrera é o autor de «Moraime. Centro histórico da Costa da Morte», unha obra que dará a coñecer precisamente mañá na igrexa de Moraime, ás 20.00 horas, na compaña do deputado Xurxo Couto e do historiador e antropólogo Manuel Vilar.