
A remollo | O músico admite ter un vínculo especial coa Costa da Morte, terra que inspirou moitos dos seus traballos
16 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.A estrea do seu último traballo xunto as Adufeiras de Salitre pillouno en pleno confinamento. O álbum, As catedrais silenciadas, saíu á luz o 13 de marzo e rapidamente se colocou entre os máis vendidos de España. «Non é nada fácil colarse no top 10. Estás aí convivindo con Alejandro Sanz e a xente de Operación Triunfo. Estamos gratamente sorprendidos», apunta Xabier Díaz (Fene, 1969), que dende que viviu na Laracha fai uns anos mantén un vínculo especial coa Costa da Morte.
-Estivo hai pouco nas Sisargas, que significan para vostede?
-Certo apego emocional porque eu teño un vínculo intenso coa Costa da Morte e especialmente con Bergantiños. Logo, é unha zona que folcloricamente tivo moito impacto en min. Teño contacto con moitas señoras maiores que tocan pandeireta e continúo acudindo a esas fontes, a beber desas líricas e tamén teño moi boas amizades pola zona, por Malpica, que son as que me levaron a descubrir as Sisargas.
-Era a primeira vez que ía?
-Si, é a primeira vez que poño o pé nelas. Saír do porto de Malpica e chegar alá foi emocionante. Foi case como ir a outro continente. A sensación é diferente. Sempre as vin dende terra e un acábase montando a película de como sería a vida do fareiro, unha vida que me seduciría até certo punto.
-Atráelle esa forma de vivir?
-Non me importaría, porque eu son moito de estar no meu agocho cos meus instrumentos e as miñas cousas. Vivo no rural e gústame a tranquilidade, non sei se é porque pola miña profesión cando traballo teño que socializar bastante, pero logo gústame estar á miña bola.
-Viviu unha tempada na Laracha, vén moito por aquí?
-Si, en Soandres. Dende entón teño moita relación coa zona. A pastelería vella, a feira do mexillón de Carballo, ir a Caión a tomar unha cervexa, dar un paseo por Razo e Baldaio, mesmo ir pescar a robaliza... Teño moitos recordos e tamén teño recollidas moitas gravacións de moitos lugares da zona, como Sofán. Estou moi vinculado e ademais lembro moitos concertos por alá.
-Cal se lle ven á memoria?
-Moitos, pero desa zona por exemplo os que facemos en Carballo sempre son especiais. Sentímonos moi queridos e soen ser multitudinarios. Tamén recordo o ano pasado o que fixemos na aldea do Couto, foi moi bonito.
-O seu último disco saíu no confinamento, como o pasou?
-Eu vivo no campo e teño o meu propio estudo na casa, entón digamos que vivo con bastante espazo e non sentín a presión de quen o pasou nun apartamento de 60 metros cadrados. Logo baixaba todos os días a estudar e facer música. Son disciplinado polo que iso me axudou a pasar unha parte importante do día con ocupacións. Traballei tamén para a BBC Alba, cadea que emite en gaélico, facendo música con escoceses e galegos, e logo tamén avancei nun proxecto que verá a luz proximamente.
-Pode avanzar algo?
-Son unha serie de titoriais nos que dalgunha maneira intento ensinar a tocar a pandeireta dende cero. Estarán en setembro ou outubro.
-Volvendo ao disco, é unha alerta ante a despoboación do rural.
-Si, quizais a inercia da propia humanidade e da nosa forma de organizarnos está demostrando que probablemente levamos décadas equivocándonos. Despois do confinamento moita xente está a pensar noutra forma de vivir. Dalgunha forma evidenciou a necesidade de escapar da altísima concentración de persoas por metro cadrado Agardo que sexamos capaces de por en valor o bo das aldeas. Pódese buscar un equilibrio entra a vida rural e a vida moderna.
-É o seu terceiro traballo coas Adufeiras. Haberá máis, dada a boa conexión, non?
-Gústame que me preguntes así. É unha alianza que nos trouxo moitas alegrías e non che digo que non.
-Como xurdiu o de tocar xuntos?
-Dunha maneira moi orgánica. Unha das cousas que facía eu pola zona de Bergantiños era dar clases de pandeireta e gaita. Dinme conta da forza de contar cun grupo de pandeireteiras e ao final acabei agarrando esa idea.
-Como leva a volta aos escenarios trala pandemia?
-As persoas acabamos tendo unha capacidade de adaptación moi alta. O primeiro concerto foi curioso, porque por unha parte foi emocionante, pero foi estraño ver a xente sentarse e separada. Logo démonos conta da necesidade que tiñan de vivir a música en directo. Pouco a pouco te adaptas, preferiría que fosen como antes, pero mellor que sexan así a que non sexan.
-Queda claro que se poden facer de forma segura?
-Dende logo. Os tres concertos que fixemos foron impecables con controles na entrada, de hixiene, de separación. Vexo outras cousas nas redes e quedo abraiado. Hai unha preocupación de que acabemos pagando xustos por pecadores.
-Recorda a primeira vez que tocou un instrumento?
-Tiña once anos ou así. O meu avó materno regaloume unha gaita de folk. Cheguei á casa e estaba sobre a cama, comecei a soprar sen saber como funcionaba e acaboume dando un pelotazo. Foi algo traumático nese momento, logo fun á clases e ao explicarme como ía estiven espelido e xa pronto lle pillei o truco.
Máis de cerca
Praia ou montaña? Cústame traballo elixir. Quizais en primavera a praia, máis que no verán, e no outono prefiro a montaña. Gústame desfrutar dos areais non para tomar o sol, senón para pasear por eles.
Caña ou viño? Son mais de viño. Se é branco Godello e de tinto o Mencía.
Un lugar para escapar? Vouche dicir dous, un que é Arnela, preto de Baldaio. É unha praia moi pequena entre Razo e Caión. E outro pode ser Vilarrube, xa no norte, preto de Cedeira.
Unha sobremesa para o verán? Non son de doce, eu cando a xente comeza a pedir algo na sobremesa son dos que tomo a última copa de viño.
Un plan para unha noite de verán? Agora que a miña compañeira colle vacacións, subir a ver a uns amigos á zona de Cedeira, a Guadi Galego. Logo ir comer o marraxo e poñernos ao día destes últimos quince días.
O que mais lle gusta comer? Confórmome facilmente cuns percebes. Cando se pode, porque non é algo barato, gústame darme un capricho con eles. É como meterlle un trago ao océano atlántico.
Unha canción para o verán? Non teño ningunha en concreto, pero toda a discografía de Amancio Prada. Recordo un verán que fun con meus pais a velo ao Festival Irmandiño e tocaba no propio castelo. Anos despois falei con el e llo comentei. El non se acordaba, eu tería 13 anos.