
O novo club Tabeirón Deportivo, en Baio, do que é o responsable, levará a cabo o Duatlón das Letras en maio
29 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Manuel Espasandín Romar (Baio-Zas, 1990) é o responsable do club Tabeirón Deportivo, que nace dentro da Asociación de Veciños que leva o mesmo nome na parroquia zasense. O tamén árbitro de fútbol da Liga da Costa conta todos os detalles deste novo proxecto que trae moitas novidades.
-¿Como xurde esta sección?
-Dende hai catro anos, xurde un grupo de xente de Baio que practica deporte, ben sexa ciclismo de montaña ou atletismo en probas populares. A partir de aí, fanse dous grupos de WhatsApp, un para cada modalidade, ata que un día vimos que, entre os dous, eramos case medio centenar de persoas. Xurde a idea de facer uns equipamentos coas mesmas cores que o club de fútbol Baio, azul e branco, para acudir ás probas. E aí dámonos conta de que moita xente, para ter seguro, se federaba con outros clubs. ‘Se o facedes vós, animámonos', dicíannos. E así naceu.
-A partir de agora, ¿vai ser este club o que se encargue das probas que viña desenvolvendo a asociación veciñal?
-Si, é que de feito, xa cando se puxeron en marcha, foi a petición nosa. Levouse a cabo o Duatlón das Letras, o Trail dos Foucellas, a andaina polo paseo fluvial e os muíños e a BTT de Monte Castelo, que tamén chega ata Laxe. Agora ímoslle dar forma a todo isto coa súa axuda. Estamos centrados nas modalidades de triatlón e ciclismo, pero abertos a outras se hai adeptos.
-¿Cantos afiliados teñen?
-Polo momento, 40 socios, dos cales 16 tamén están federados. O tema de ter licenza colleu importancia, sobre todo, coa pandemia, porque desta maneira permíteche desprazarte fóra do teu concello para practicar deporte, mais o feito de poder acudir a citas, xa que ata o 9 de maio só son para federados por norma. O resto de afiliados gozan de vantaxes como descontos en probas.
-¿Van levar a cabo algunha novidade?
-Temos idea de desenvolver nun ano natural catro citas deportivas. O duatlón, o trail, a BTT e unha carreira pedestre coas distancias de 3 e 10 quilómetros, a maiores doutra para nenos. Tamén queremos celebrar varias actividades dentro do club. Se no seu día se fixo o traxecto en bici dende a Catedral de Santiago ata Fisterra, a idea agora é facer o Camiño dende Baio a Muxía e Fisterra, así como facer saídas nocturnas xa sexa sobre dúas rodas ou andando. Neste último sentido, pensamos en subir a Monte Castelo para ver as estrelas da man de Jorge Mira.
-O Día das Letras Galegas xa está aí, á volta da esquina. ¿Haberá duatlón?
-Si, será na propia xornada, o 17 de maio, porque hai que recordar que dende a asociación sempre se buscou destacar a figura do escritor local Labarta Pose, incentivando que dende a Real Academia Galega lle dediquen un día. A denominación de Tabeirón vén, de feito, porque nos seus poemas en galego sempre se refería a Baio con ese nome para que non o asociaran á zona. En xeral, potenciamos moito o lugar, sobre todo a Carballeira, ben sexa nas saídas das probas ou cunha folla no noso logotipo. Tamén Monte Castelo, o pico máis alto de Baio, cunhas vistas, incluso a Cabana, espectaculares, ou os muíños ou as Torres do Allo.
-¿Como vai ser dadas as circunstancias sanitarias?
-Imos abrir inscricións seguramente esta semana para 200 participantes. Poderiamos poñer máis, pero ao ter que facer a saída de tres en tres, requiriría de moita máis organización. Custará 15 euros e, 12, para os socios. Sairá da Carballeira, cun primeiro percorrido a pé de 6 quilómetros pola beira do río. Logo, en bici, serán dúas voltas de 10 quilómetros, con pequenas variantes respecto á primeira edición. Subirase ata Monte Castelo. Para rematar, vólvese á Carballeira, con 3 quilómetros de carreira a pé. Haberá trofeos de madeira co logotipo de Labarta Pose para os mellores. Faraos un veciño de Baio. Esta semana empezaremos a limpar os camiños.
-Vostedes xa foron pioneiros en organizar a primeira proba pospandemia, aínda que con variacións importantes respecto ó formato orixinal. Agora serán os segundos en facela coas novas normas de deportistas federados. Son botados para adiante.
-Si, porque a xente ten ganas de competir, non só de adestrar. A primeira que fixemos foi a través dunha aplicación móbil e, para esta nova, estivemos moi atentos a como se preparaba e se desenvolvía o duatlón de Vimianzo do pasado domingo. Temos ganas de facela e de demostrar que se pode seguir practicando deporte de forma segura.
-Baio deu un salto importante nos últimos anos a nivel deportivo. Vostede mesmo fala de como xurdiu esta nova sección dentro de Tabeirón. ¿A que se puido deber isto?
-Moitos somos exfutbolistas, como Mario Romero, do Trébol, e os uns polos outros mais os amigos... En xeral, nos últimos anos a sociedade é máis pro a facer deporte. Eu este ano, entre unha lesión no xeonllo e que arbitro en Segunda rexional, que está parada, decanteime polo ciclismo. Completan a directiva do club, a maiores de Mario e eu, Ramón Castiñeira e Jose Caamaño, pero en Tabeirón somos moitos máis.