A Costa da Morte, potencial referente do turismo Atlántico

Mónica Rodríguez

CARBALLO

ANA GARCÍA

Plumas con mando | Escribe Mónica Rodríguez, presidenta CMAT.: A comarca ten personalidade propia, é un territorio sen parangón en toda a comunidade e en todo o país

26 jul 2021 . Actualizado a las 11:53 h.

A Costa da Morte é unha rexión máxica de Galicia, que abrangue desde o concello de Malpica ata o de Fisterra. Recibe o seu nome peculiar pola cantidade de naufraxios que albergaron as súas augas, nas que, lamentablemente, foron vítimas centos de persoas que ocupaban as naves.

O mar, ese elemento que nos aporta tanto, pero que, como na súa beleza reside, de tanto nos privou. Somos un territorio sen parangón en toda a nosa comunidade, e en todo o país. Só tedes que deixarvos embelesar por esta paisaxe que está repleta de praias, cantís, cabos, pero tamén de paraxes de interior dunha singularidade sen igual que non deixan indiferente a ninguén que os coñece.

A Costa da Morte é unha comarca que ten personalidade propia. Con lugares como Fisterra, considerado como a fin do mundo. Malpica, a vila da vida da zona. Vimianzo, a capital da Terra de Soneira. Ponteceso e Cabana de Bergantiños, baixo o abrigo do esteiro do Anllóns. Camariñas, e o seu marabilloso encaixe. Laxe e as súas praias de area branca. Muxía e a súa famosa Virxe da Barca. Zas e as Torres do Allo, o primeiro pazo galego da historia. Corcubión, vila mariñeira, e Cee, a última cetárea da comarca. Unha viaxe infinita polos distintos concellos que conforman a zona e na que te podes perder para volver a atoparte.

Temos, como territorio, un tremendo potencial para ser o punto de referencia do turismo Atlántico. Polo noso patrimonio, pola nosa xente. Pola nosa gastronomía. Porque o vínculo entre pobos é tremendamente potente, e porque todos xuntos formamos unha liña costeira e de interior que semella unha soa, pero cada unha coa súa singularidade. De maneira individual, somos únicos e únicas. Pero a Costa da Morte é especial.

A mellor maneira de vender o noso territorio é convidarte á xente a visitarnos. A nosa mellor carta de presentación é que vivas a Costa da Morte e cada un dos concellos que conforman a comarca. Porque temos claro que se descobres a nosa zona dirás unha e outra vez: Volverei.