Innovar para adaptarse e medrar, o reto do tecido empresarial galego

Patricia Argerey

CARBALLO

PACO RODRÍGUEZ

Plumas con mando | Escribe a directora de Axencia Galega de Innovación: É a vacina para saír da crise, porque garante a competitividade grazas a súa capacidade para diferenciarse

15 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai apenas dous meses iniciaba a miña intervención no acto de presentación do Programa de Impulso á Innovación nas Pemes cunha cita de Jean-Claude Juncker, ex presidente da Comisión Europea, na que sinalaba que as micro empresas e as pemes son o motor da economía europea porque impulsan a creación de emprego e o crecemento económico e garanten a estabilidade social. En Galicia non podemos estar máis de acordo. De feito, na nosa Comunidade contamos cun tecido empresarial formado maioritariamente por micro empresas, máis do 95 %; ás que lle resulta menos doado innovar polo grande esforzo que lles supón.

Mais estamos convencidos de que a innovación é a vacina para saír desta crise, porque garante a competitividade do tecido empresarial galego grazas á súa capacidade para diferenciarse, achegar valor, adaptarse ao contorno cambiante e medrar. Por iso, desde a Xunta de Galicia queremos involucrar a todas as pemes no ecosistema de innovación galego e, para acadalo, vimos de pór en marcha un programa que aspira a chegar a todo o territorio galego, especialmente a aquelas empresas con potencial para innovar pero que aínda non o fixeron e ás situadas en núcleos non urbanos.

O obxectivo fundamental é converter a innovación nun elemento clave da competitividade e do crecemento económico das pemes, así como concienciar da súa importancia axudando a identificar eses aspectos diferenciais que converten un servizo, produto ou proceso en algo innovador a través dun acompañamento individualizado.

Obstáculos

Sabemos que algúns dos obstáculos que dificultan a innovación nas pemes son os elevados custos que precisa ou a incerteza na resposta do mercado. Para salvar estas dificultades, actuaremos en cinco frontes: ofrecer servizos próximos e personalizados ás pemes; impulsar redes locais de innovación en colaboración con axentes locais como os Grupos de Desenvolvemento Rural e de Acción Local do Sector Pesqueiro da Costa da Morte; fortalecer as habilidades de innovación a través da formación para entender como se pode facer; reforzar os instrumentos de apoio e crear un observatorio da innovación para elaborar estudos e crear mapas dos axentes do sistema galego de innovación.

Marcámonos como obxectivo chegar a 15.000 pemes e micro empresas galegas. Entre os instrumentos que xa están ao dispor das empresas, contamos coa liña de axuda Innova Peme, un programa que leva apoiando a execución de plans de innovación por parte do tecido empresarial galego desde 2017, nomeadamente entre as empresas que non tiñan accedido con anterioridade a apoios no ámbito da innovación, e que permitiu manter máis de 600 postos de traballo. E vimos de poñer en marcha outra liña orientada a pemes, Deseña Peme, dirixida a fomentar a incorporación e sistematización do deseño na estratexia das pequenas e medianas empresas como motor de innovación e competitividade.

Antídoto

En definitiva, a innovación é o mellor antídoto fronte á crise, porque achega competitividade, diferenciación no mercado e valor engadido para o consumidor, e, por iso, todas as empresas deberían sumarse. Para acadar este obxectivo, desde a Xunta de Galicia traballaremos para facer accesible a innovación a calquera empresa, axudando a vencer eses obstáculos que distancian ás pemes deste camiño e intentando convencelas de que innovar é posible, independentemente do seu tamaño e localización.