Unha vida no lugar deste e daquel

ana maría santos maneiro

CARBALLO

MARCOS MÍGUEZ

EN PRIMEIRA PERSOA | Escribe a actriz mazaricá Ana María Santos Maneiro: «Teño a fortuna enorme de poder vivir facendo o que me gusta, interpretar; estou agradecida á vida»

21 nov 2021 . Actualizado a las 22:31 h.

Eu nacín nunha aldea do concello de Mazaricos, San Cosme de Antes, no ano 1965. Tiven unha infancia feliz. O meu mundo era a miña casa, unha xastrería onde a calquera hora podía chegar alguén para encargar un traxe ou mercar un metro de goma con que amañar unhas bragas, por exemplo. Estaba feliz na miña familia e tamén observando á xente, cada quen coas súas características. Sempre me gustou a diversidade, diría incluso que o diferente. Todos somos distintos, únicos, coas nosas características que nos marcan, que nos definen. Gustábame pórme no lugar deste ou daquel, e dicía: «Eu se estivera no seu lugar, que faría?». Ó que me contestou nunha ocasión meu pai: «Ti ponte no teu, que che ha de chegar abondo». Agora faime graza, pero naquel momento pensei: «Bo...!».

Aínda estaba moi lonxe de saber que, grazas á miña profesión, me ía ter que pór no lugar dun lote de xente, tanta como personaxes tiven que representar ó longo da miña traxectoria profesional. Gústame observar as características psicolóxicas das persoas e dos personaxes que interpreto, saber como son, como senten, e deixarme levar polo que sinto en personaxe, reaccionar como se o ensaio, a gravación ou a representación de teatro fose a vida mesma, e o que está acontecendo na ficción me estivera pasando. Sen ter que pensar: agora debo facer isto ou aquilo. Simplemente ser, estar.

Ana María Santos, como Pitusa, co xuíz Tosar, en Mareas Vivas
Ana María Santos, como Pitusa, co xuíz Tosar, en Mareas Vivas

Din que lle chamamos casualidade a aquilo do que non sabemos a causa, e eu empecei nesta profesión porque me enterei por casualidade de que ían facer un curso de dobraxe para a TVG. O caso é que me colleron e desde o ano 1985 aquí ando. Púxenlle voz a moitos personaxes de telenovelas, a debuxos animados, como por exemplo a Abella Maia, a Morticia Addams, ou a Lala, a bonequiña amarela dos Teletubbies.

A Elsiña de Padre Casares
A Elsiña de Padre Casares

Eu amaba a miña profesión con loucura, pero tiña gana de facer teatro e no ano 95 animáronnos a montar As criadas, de Jean Genet, que se estreou nas Torres de Santa Cruz de Oleiros. Grazas a iso víronme e chamáronme para facer un casting para Mareas vivas, serie recordada e querida por todos, moi emblemática, cunha fala localizada na Costa da Morte. Aí pasei a ser recoñecida polo público como a secretaria do xulgado, ou a moza de Currás. Aínda a día de hoxe segue habendo moita xente que me chama Pitusa. Non menos querida e coñecida foi a pastora e beata Elsiña, de Padre Casares. A verdade é que tiven a sorte de dar vida a personaxes moi entrañables. E agora mesmo ando a facer unha obra de teatro que acaba de acadar o Premio do Público no Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT: As cigarreiras, de Contraproducións, escrita por Cándido Pazó a partir da novela de Emilia Pardo Bazán A Tribuna.

Santos, na obra Cigarreiras
Santos, na obra Cigarreiras BASILIO BELLO

Teño a fortuna enorme de poder vivir facendo o que me gusta, interpretar, e estou agradecida á vida, aos que confían en min para traballar e, como non podía ser doutro xeito, ó público, porque sen o seu recoñecemento nada sería posible.

O DNI

Ana María Santos Maneiro. Natural de San Cosme de Antes, en Mazaricos (1965), faría falta moito papel para recoller todos os traballos desta actriz. Na Costa da Morte, sempre será a Pitusa de Mareas Vivas, a serie que marcou un antes e un despois no audiovisual galego e incluso na lingua. Televisión, teatro, dobraxe... todo suma no seu currículo.