Beatriz Sestayo, xerente de SEA: «Imos cara polígonos máis modernos e máis sustentables»
CARBALLO
Só neste 2021, e pese a ser un ano complicado, foron 11 as empresas que se asentaron en parques da Costa da Morte
07 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Beatriz Sestayo (Ferrol, 1969), xerente de Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), está convencida de que os polígonos son unha oportunidade para a creación de emprego na Costa da Morte, zona que consideran «estratéxica» dentro do plan de impulso para a dinamización socioeconómica que teñen en marcha. Fala de «datos históricos», os mellores dende a creación do ente, e di que hai que aproveitar a sinerxía. Só no 2021, e pese a ser un ano de incerteza polo covid, 11 empresas asentáronse en polígonos desta comarca, ocupando 65.000 metros cadrados. Hoxe, non cabe dúbida, di Sestayo, de que a seguridade xurídica e económica que ofrece un polígono o converte en lugar idóneo para implantarse: «Imos ademais cara polígonos máis modernos, máis sustentables, e iso abarcará aos da Costa da Morte» [A Laracha, Cee, Malpica e Vimianzo].
—Que papel xoga a industrialización no contexto postcovid?
—É vital. Véñense de aprobar os Orzamentos do Estado e precisamente ese, e a creación de emprego, é un dos obxectivos das liñas de actuación. Prioridade absoluta, aínda que xa viñamos traballando neste sentido antes deses Orzamentos.
—Que acollida están tendo as facilidades para o asentamento como o dereito en superficie?
—O noso fin é facilitar que a xente que queira investir poida facelo. O financiamento a través da banca non sempre resulta, e queremos que iso non sexa un problema. Co dereito en superficie, similar a un aluguer con opción a compra, é posible instalarse nalgúns polígonos de SEA con canons que poden ser de 1.000 euros ao ano, o que custa un aluguer mensual pequeno nunha vila media. É unha fórmula pola que se están interesando, sobre todo, emprendedores mozos. Na Costa da Morte, neste sentido, fixemos un esforzo enorme no polígono de Malpica, dadas as súas dificultades, poñendo gran cantidade de solo a disposición en dereito de superficie, a prezos moi accesibles. Tivemos varias xuntanzas de traballo co Concello e interesáronse varios empresarios, se ben todo iso foi previo á moción de censura. Agora hai unha parálise neste senso, pero estou convencida de que todo o mundo quererá aproveitar a posibilidade, porque é unha oferta histórica.
—Que ten SEA no horizonte?
—A aprobación do primeiro plan estratéxico, no 2022, para dotar dun mellor impulso aínda, se cabe, aos polígonos de SEA, de maneira, que, xunto á sinerxía xeral, teñamos tamén en conta as necesidades autóctonas de cada zona, unha parte monográfica neste sentido. Por exemplo, unha das suxestións que nos facía a alcaldesa de Vimianzo, era a de apostar no polígono deste concello polas posibilidades tecnolóxicas, sen descartar dende logo outras opcións.
As comunicacións, do máis valorado
«Situados en lugares estratéxicos, e a diferenza do que ocorre noutros puntos de España e mesmo de Galicia, os polígonos de SEA contan con todas as instalacións e servizos necesarios para poñer un negocio ou actividade con licenza directa, sen complicacións urbanísticas», di a xerente de SEA. Pon o exemplo do parque de A Laracha, situado «magnificamente», cun despegue que se mantén nos últimos dous anos: «Xa hai un consenso para estudar a ampliación, estamos quedando sen solo neste polígono, unha boísima noticia». Sobre as comunicacións, di Sestayo que é unha das cuestións que máis valoran os empresarios á hora de asentarse nun polígono. Ten dado moito que falar, por ver de quen son as competencias, o enlace do parque vimiancés coa autovía, vital, afirma Beatriz, para un espazo ben situado no que se asentan empresas que apostan pola zona e ata amplían, caso de Gerca: «Falamos dunha autovía autonómica, confiamos en que a Xunta desenvolva esas cuestións. Nós fixemos un esforzo neste polígono e pedimos á Xunta que faga o mesmo».