Unha «honra» compartida polos cinco Bos e Xenerosos

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A Fundación Eduardo Pondal entregará este domingo os seus galardóns, no Couto (Ponteceso)

15 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Isaac Díaz Pardo, Anisia Miranda e Xosé Neira Vilas foron, no 2009, os primeiros recoñecidos como Bos e Xenerosos pola Fundación Pondal do Couto, en Ponteceso. Dende aquela a listaxe agrandouse moito ata chegar, coa entrega prevista para hoxe ás 12.30 dentro do ciclo ODezasete, a unha edición especial... con premiados que tamén o son. As Festiletras están de 40.º aniversario.

Ana Romero Masiá
Ana Romero Masiá Basilio Bello

«Son moitos anos de querer esa zona, de lazos familiares e sentimentais, de traballo en procura de engrandecer ese territorio... xa me considero cidadá adoptiva da Costa da Morte», di a compostelá Ana Romero Masiá, arqueóloga, historiadora e docente, unha das cinco persoas galardoadas este 2022. Todas as facetas son ela, «diferentes etapas», dende a prehistoria á contemporaneidade. «Con sorpresa e como unha honra» recibe este premio que chega dunha entidade «que leva moitos anos facendo un traballo encomiable», «sumando horas de voluntariado»: «Eu mesma son beneficiaria dos seus actos, dos concertos... A miña filla é unha forofa das Festiletras. No Couto vin cousas únicas, como escoitar a Amancio Prada a un metro de distancia». No seu corazón, os dez anos de campañas de escavacións no castro A Cidá de Borneiro, en Cabana: «Sigo tendo unha carpeta dedicada a el».

ANA GARCIA

De Cabana, e máis concretamente de Corcoesto, é José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega, outro dos galardoados este ano. Recoñécese «emocionado»: «É unha satisfacción e unha honra recibir este premio que chega dunha fundación con tan longa traxectoria na promoción da cultura galega e na difusión do coñecemento dende o rural de Galicia», indica. Poñelo en valor, sopesa, é preciso: «Dende o rural hoxe pódese traballar no mundo global».

Viki Rivadulla
Viki Rivadulla XESÚS BÚA

Vén de tempo esta colaboración, como o vén a presenza da artista muxiá Viki Rivadulla no Couto, terceira premiada. «Faime moitísima ilusión. Levo moitos anos indo, como público, coas miñas exposicións acompañando incluso estes premios Bos e Xenerosos, e nin pola cabeza se me pasou nunca chegar a recoller eu este galardón, non o esperaba para nada, non o creo». Ao Couto Rivadulla levou artesanía, escultura, pintura...: «Para min, os Bos e Xenerosos son eles, por todo o que fan».

José Manuel Casal
José Manuel Casal MANUEL CASAL

José Manuel Casal, fotógrafo de La Voz durante case tres decenios, documentou a vida do Couto e da Costa da Morte. Procurou facer o seu traballo, dixo para Radio Voz, do xeito «máis honesto posible, sen intervir, tratando de reflectir a realidade». Fotografías das máis variadas temáticas, de novas tristes e felices, moitas, mais sen buscar o protagonismo con elas, «tratando de poñerme no lugar da outra parte»: «Sempre me neguei aos recoñecementos, pero ante o traballo desta entidade, que vin dende os seus inicios, non podía dicir que non», dixo do galardón. Unha entrega e unha paixón pola fotografía que, confesou nesta súa primeira entrevista, reverteu directamente no tempo dedicado á familia.

Jorge Mira Pérez
Jorge Mira Pérez Sandra Alonso

Físico, catedrático, deportista, divulgador... O baiés Jorge Mira completará os Bos e Xenerosos deste ano. Incide nunha dobre idea: a honra que é que asocien o seu nome ao significado que Pondal lle deu ao verso dos «bos e xenerosos» na letra do Himno, e o feito de chegar este galardón dende un lugar que considera «casa», o que o fai sentir «profeta na miña terra» e por iso agradecido: «No Couto sentinme acollido moitas veces, e foi sempre un motor tamén para todo o traballo en torno a Labarta Pose». 

Ofrenda floral, gaitas e voz de Irma Macías, hoxe

O acto de entrega dos Bos e Xenerosos está previsto para hoxe ás 12.30. Antes, farase unha ofrenda floral no monólito situado diante da igrexa de Cospoindo. Os gaiteiros de Xa era hora conducirán aos premiados e autoridades ata o exterior da fundación. Irma Macías pechará o acto co Himno Galego.