Preciso e necesario

Natalia Lema
Natalia Lema ECOS DA GÁNDARA

CARBALLO

BUSERANA

19 may 2022 . Actualizado a las 12:15 h.

nova reforma da lei do aborto é una normativa tan precursora como polémica. A título propio, hai aspectos que asemellan un gran paso a futuro e outras medidas parécenme etiquetas para seguir estigmatizando o noso xénero. Pensando na casuística no tema, veume a cabeza a necesidade de educar sexualmente nos colexios aos nosos fillos. A sexualidade temperá é un proceso novo ao que todas as persoas novas nos enfrontamos no inicio das nosas vidas. Imaxínense todas as experiencias traumáticas e dolorosas que evitaríamos se os adolescentes fosen conscientes dos métodos anticonceptivos, das enfermidades de transmisión sexual ou das prácticas de risco dunha forma máis integral e profunda.

Incluso materias como Valores éticos deberían incluír contidos deste arraigo nas súas programacións académicas. Desmitificar que nas clases non se pode falar dos tabús do sexo e ofrecelo como coñecemento con naturalidade, sen escoitar risas nerviosas de fondo.

Aprender o sistema poliédrico, as conxuncións ou os clásicos da literatura é fundamental para o noso desenvolvemento cognitivo ao longo dos anos. Non obstante, esquecémonos que, máis aló da cultura xeral, a materia máis importante da vida é a propia bagaxe, chea de erros e de decisións transcendentais que nos marcarán. Queremos acabar ca violencia de xénero pero non somos capaces de iniciar unha cultura de respecto que comece polas aulas. Queremos lexislar en liberdade pero non facemos mozos e mozas libres dende un comezo, con coñecemento de causa, para poderen así decidir sobre eles sen teren que tomar decisións tan complexas. Queremos, como din os vellos, comezar a casa polo faiado. O futuro empeza sempre por coñecer o que nunca nos ensinaron.