

























A FESTA DA PALABRA | Talento e voces múltiples para festexar o 17 de maio na Costa da Morte
18 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.A Costa da Morte foi nas últimas horas un amplo mostrario de talento. Voz, poesía, debuxo, instrumentos, arte e patrimonio inmaterial conviviron nunha xornada, un 17 de maio, Día das Letras Galegas, que deixará intres para a memoria. No Dezasete do Couto, Faia Díaz ofreceu un concerto que se prometía especial, e foino. Sobre o escenario, por vez primeira, o seu talento reunido co de sus pais, Tereixa Novo e Moncho Díaz, eternos de Fuxan os Ventos. Un concerto herdeiro da tradición oral ao que tamén se sumaron Guillerme Fernández, compañeiro de De Vacas, e Benxamín Otero. Tarde melodiosa, ao abrigo do «santuario das letras» que é a Casa dos Veciños de Monte Branco, e que tivo un dos seus momentos máis sentidos na letra cantada de Darío Xoán Cabana, falecido hai onte seis meses: unha peza emblemática de Fuxan os Ventos, O lobo (1976).
A cuberto tiveron que ser tamén as actividades, moitas, programadas polo Concello de Carballo, coa colaboración da Banda de Gaitas, o Conservatorio ou a entidade Lumieira, que promoveu a 40.ª edición do certame de debuxo e pintura Luis Calvo. No mercado municipal, divididas as iniciativas en varios escenarios, a mañá foi crecendo en ritmo e en asistencia, ata chegar ao máximo pico, un cheo absoluto, para o concerto da Banda Municipal de Música, dirixida por Javier Bardanca. Gustou aos presentes, como os contos de Caxoto ou o concerto dos Golfiños, ademais do rosco pasalabra con preguntas referidas á vida de Florencio Delgado Gurriarán que sumou o colexio Xesús San Luís Romero. Traballaron no centro este mes das Letras, ademais, un panel de robótica con pictogramas alusivos ao autor homenaxeado.

Reportan dende Cabana, doutro lado, unha «fantástica xornada». Alí, a Escola da Vela acolleu un Concerto das Letras da man de Irma Macías e Xaquín Rama, así como teatro coa Aula Municipal e recital de versos de Delgado.
Virtuosismo na Laracha
Aterrizara o luns «nun lugar do que gostamos moito», A Laracha, na Costa da Morte, o virtuosismo de Sheila Patricia. En formato trío, na praza Olonne Sur Mer, con ganas de compartir música e Letras, agasallou ao público co talento do seu disco Orixe, tradición e modernidade no que inclúe dúas pezas caionesas, vila onde actuou, por certo, en setembro do ano pasado.

Puido ser máis o público na Laracha, mais iso non restou o «espectacular» do concerto. Máis ca o número, importa «o poder da xente», ao que aludiu Xurxo Souto, tamén onte, na Casa dos Veciños do Couto. Acollía o ciclo O Dezasete, antes do concerto de Faia, o recital Dose de reforzo, no que tomaron parte asemade Suso Lista, Claudia Castro, Alexandre Nerium e Rosalía Fernández Rial, esta última acompañada ao acordeón pola asturiana María Álvarez, «a mellor acordeonista do Atlántico norte». Dose de reforzo tiña como fío condutor o mar.

Un mar que absorbe («case non te dás conta de que hai outro mundo, xente que non vive a carón del», dixo Lista), un mar «que se che mete dentro», abundou Claudia, compostelá con casa en Corme, un mar duro que é casa, acreditou Nerium cos seus primeiros versos de neno. «Para min, todos os días son Letras Galegas», dixo Alexandre. Velaí o espírito. Rematou a velada con O soño da Galiza infinda na voz e acordeón de Souto, versos de Florencio en diálogo co bardo. «Non somos a fin do mundo, somos o centro do mar», lembrou este Bo e Xeneroso de Monte Alto.