Bocados de historia: os Pinchos Irmandiños de Vimianzo, un a un

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A 13.ª edición dos Pinchos, antesala do Asalto, xa se serve en 12 establecementos

28 jun 2022 . Actualizado a las 23:19 h.

Tres visitas guiadas ao castelo, a sexta edición da Legua Irmandiña, o sábado, e a ruta teatral de subida á Cruz do Loureiro, este pasado domingo, foron ata o de agora a antesala do Asalto ao Castelo, cuxa 25.ª edición chegará este venres e sábado aos seus días máis grandes. Tamén está en marcha a Semana Medieval dentro de campamento Vimiverán e, este martes, ademais da Mostra de Artesanía en vivo, botou a andar unha das propostas máis esperadas, porque ten que ver co estómago. Doce locais hostaleiros de Vimianzo ofrecerán, ata o vindeiro sábado, outros tantos Pinchos Irmandiños, na que é xa a 13.ª edición da iniciativa. De 12.00 a 15.00 e de 19.00 a 23.00 horas: este é o horario mínimo para que o cliente acuda a consumir petiscos enlazados co Medievo a través dos seus ingredientes ou de sonoros nomes como o «porco con bólas caídas da catapulta», no caso de A Lareira; «tetiñas da condesa» de Pan Ignacio; ou «Enrolado da Santa Irmandade», de O Agocho.

Non foron estes dous anos de atrás, coa pandemia, nada bos para a hostalaría, mais como se dixo na presentación destes Pinchos Irmandiños, o sector foi quen de volver xuntarse e de ofrecer unha das propostas con mellor acollida: «Conseguiremos sacar o traballo adiante». Excelentes bocados de historia que non só sitúan ao veciño e ao visitante no ambiente da festa, senón que amosan o nivel da cociña soneirá, en doce e en salgado.

Volven os agasallos para os que acaben a ruta

O prezo de cada un dos pinchos irmandiños que estes días se van servir en Vimianzo será de 2,50 euros; tres, no caso de que inclúa un quinto ou auga. Volven, ademais, os agasallos irmandiños para aquelas persoas que selen a ruta completa (12 paradas, por tanto). A cartoliña terase que depositar no café bar A Rúa, no restaurante Vía Rápida ou no restaurante Montevideo. Deberá ter todos os datos de contacto correctamente cubertos, indicando ademais o que, na súa opinión, foi o mellor pincho e o local mellor decorado. Entre todos os que completen o itinerario sorteara un lote de produtos acorde ao peso do galardoado.