Talento da Costa da Morte, en «Shakespeare en Roma»

P. B. M. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

CONCHI PAZ

Santi Romay e Sheila Fariña integran o elenco desta nova produción do Centro Dramático Galego 

21 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa queda menos para poder gozar de Shakespeare en Roma, a nova produción do Centro Dramático Galego (CDG) que xunta nun mesmo espectáculo as catro pezas do dramaturgo británico ambientadas no Imperio Romano: Coriolano, Xulio César, Antonio e Cleopatra e Tito Andrónico. Unha proposta curiosa, en tanto que os achegamentos dramatúrxicos e direccións de escena son distintas para cada unha delas. O que se mantén invariable, non obstante, é o elenco, composto de oito intérpretes. Hai rostros da comarca, porque de par de Xurxo Cortázar, Cris Iglesias, Rebeca Montero, Marcos Orsi, Fran Peleteiro e Toni Salgo, están Santi Romay (Malpica) e Sheila Fariña (Tordoia). Amplo percorrido teñen os dous tanto no mundo audiovisual como no teatro.

Os ensaios de Shakespeare en Roma estanse a desenvolver no Salón Nobre do Pazo de Fonseca, en Compostela, convertido en escenario mediante un acordo entre Xunta e USC. Tamén alí se estreará a obra, en cartel dende o 9 de febreiro ata o 2 de abril: entradas xa á venda en ataquilla.com, cun coste de 10 euros (6 no caso dos domingos, día do espectador).