Grazas a Julián Barrio

José García Gondar

CARBALLO

BASILIO BELLO

ADRO DE SAN XOÁN | O 6 de maio virá a Carballo para confirmar a 50 mozos. Será a última celebración (visita) que faga como arcebispo

29 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O 6 de maio, Julián Barrio virá a Carballo para confirmar a 50 mozos. Será a última celebración (visita) que faga como arcebispo, xa que o 3 de xuño iniciará o seu ministerio o novo arcebispo, Francisco José, ata agora bispo auxiliar. Antes será recibido no Concello para firmar no libro de ouro e recibir o escudo de Carballo. Por iso, en nome propio e dos sacerdotes de Bergantiños, do consello pastoral da unidade pastoral, de Cáritas de Bergantiños, queremos darlle as grazas e manifestar o noso cariño ao noso bispo, pai, amigo, irmán e pastor.

E comezo coas palabras que Julián Barrio agarimosamente escribiu no prólogo do libro que publiquei polas miñas vodas de puro sacerdotais: 50 anos dun cura feliz: «Donde desfallece el entendimiento, toma vuelos el afecto […] Es momento de hacer memoria con el corazón que se manifiesta en agradecimiento a tantas personas que a lo largo de estos años han estado en su entorno…». Tamén eu quero facer memoria agradecida e felicitación convertida en pregaria ao bo pastor para que o siga iluminando e conservando ad multos anos. E recompense estes 30 anos do seu ministerio episcopal.

Lembro perfectamente. Era o 31 de decembro do 1992, estabamos convocados para unha reunión do consello episcopal, xa que pola tarde era a apertura da Porta Santa. Ao comezar a reunión, o arcebispo, Antonio Rouco, comunícanos o nomeamento de Julián Barrio como bispo auxiliar, informándonos da súa biografía, e dando grazas ao Apóstolo pola graza xubilar do novo bispo na apertura da Porta Santa.

Como vicario tiven a oportunidade de acompañar a Julián Barrio como guía nos primeiros pasos como bispo pola Coruña e a vicaría, o que me deu a oportunidade de coñecer e admirar a súa humildade, bondade, preparación, preocupación pastoral….

Iniciábase así unha fraterna relación de amizade, comuñón fraterna e colaboración con el como bispo auxiliar e despois como arcebispo.

O papa Xoán Paulo II, interpretando o común sentir e a satisfacción xeneralizada dos diocesanos, nomea a Julián Barrio como arcebispo de Santiago. Faise público o 5 de xaneiro do 1996. Un bo agasallo de Reis, que foi recibido con unánime satisfacción.

Providencial casualidade, o día seguinte do seu nomeamento, o día da Epifanía, Julián Barrio, arcebispo electo vén a Carballo para presidir o funeral de enterro por Alberto Pazos Recarey, vicario parroquial de Carballo. Así, os sacerdotes de Bergantiños, o consello pastoral e toda a freguesía rezou e felicitou ao novo arcebispo. E de xeito especial eu quero agradecerlle por relevarme da vicaría para atender a meus pais velliños, e polo cariño con que me acompañou no enterro dos meus pais, e as súas entrañables homilías, o 3 de marzo do 1998 e o 24 de xaneiro do 2006.

Bendición

Se Julián Barrio coñece e percorreu toda a diocese, dun xeito especial estivo tantas veces en Carballo e Bergantiños. Sabemos que quere esta terra e que se sente querido, como na súa casa. Así o fai constar o artigo da Voz de Galicia La segunda casa del arzobispo, en Carballo. Velaquí algúns datos: O 25/06/1993 preside a misa e procesión do Santísimo; o 14/10/1993 inaugura o curso na asemblea parroquial, e o 5 /08/1995, bendición da igrexa de San Cristovo e Nosa Señora da Boa Viaxe. No ano 1997 estivo presente con motivo do I Ano da Parroquia; o 8 de xaneiro 1997, con toda solemnidade, no acto de apertura do Ano da Parroquia, alentou ó concilio parroquial como experiencia de comuñón eclesial. Solemne acto de clausura na festa da Sagrada Familia, o 27 de decembro. O 14/2/20o1 foi a despedida a Manuel Rodríguez Rodríguez ao ser nomeado párroco de Betanzos; o

5/10/2001, bendición da vivenda comunitaria Mensajeros de la Paz e apertura do curso pastoral. Mención especial merece a súa presenza nos cursos de Formación de Axentes de Pastoral e nas Semana da Familia: o 30/03/2004 clausura o primeiro curso de axentes e estrea o libro de ouro da parroquia cunha fermosa dedicatoria. Hai que citar as cartas pastorais aos cristiáns de Bergantiños, Seaia e Laracha animando a participar na escola de axentes de pastoral, na que ao longo dos 18 anos inaugurou e clausurou cursos varias veces.

E nas Semana da Familia que no mes de maio organiza a Asociación de Pais Católicos estivo impartindo varias conferencias sobre a familia. Inesquecible foi 6 de maio do 2006, cando, acompañando ao nuncio do papa en España, Manuel Monteiro de Castro, presidiu a misa das familias.

De todos é ben coñecida a súa preocupación e apoio a Cáritas. O 20 de xaneiro 2006 bendiciu o centro de día para maiores Fogar de Bergantiños, que Cáritas habilitou na casa reitoral de Berdillo. Volveu o 15/09/2019 para bendicir as novas instalacións e visitar as casas de acollida e proxectos de Cáritas de Bergantiños.

Quero destacar a súa presenza no relativo a devoción á Virxe: agradecemento especial por conseguir de Benedicto XVI o Ano Xubilar Mariano da Milagrosa, e a súa presenza na apertura do mesmo o 4/09/2011; na clausura e coroación canónica da Milagrosa, o 2/09/2012; a súa presenza na Vixilia da Inmaculada; na Xornada Diocesana da Xuventude o 6/12/2011; na bendición da casa de acollida da muller do Fogar Dona Basilisa (1/09/2013). Mención especial á súa entrañable devoción á Virxe como queda patente nas homilías que no Ano Xubilar Mariano de Milagrosa pronunciou, e na Vixilia Diocesana da Inmaculada en Carballo

O 23 de abril de 2017, domingo da Divina Misericordia, Julián Barrio inaugurou o atrio renovado de Carballo e bendiciu a nova imaxe Mater Misericordiae. O 31/3/2019 presidiu la despedida da Virxe Peregrina de Fátima, que percorreu Bergantiños. Centos de mozos recibiron a confirmación das súas mans en Carballo e parroquias do arciprestado. Todos sabemos a súa preocupación polas vocacións, e o sufrimento que con el compartimos cada vez que visita un sacerdote hospitalizado, e cando preside o enterro dun cura, e cantas veces veu por este motivo a Carballo e Bergantiños.

E como broche de ouro, a súa presenza o 1/08/2022, na apertura do II Ano da Parroquia, con motivo de dos meus 50 anos como cura de Carballo. E para rematar una anécdota: cando hai anos Julián Barrio estivo internado no CHUS, todos rezamos pola súa saúde. Fun a visitalo e acompañoume o amigo Pepe de Muros (q.e.p.d.), e, coa simpatía que o caracterizaba, dixo: «Sabes que D. Julián ten envexa das enfermeiras? Porque fan máis curas ca el». Que o Señor siga conservando a Julián Barrio con saúde, que non teña que volver ao Hospital, e que goce da súa merecida xubilación e non nos esqueza. Sabe que aquí ten a súa casa.

Diolopague.