O reto de buscar un novo modelo de enerxías limpas

Laura Rm., X. A. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCIA

O catedrático Ricardo García Mira coordina un proxecto dende a Costa da Morte

22 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Ricardo García Mira, catedrático na UDC e exdeputado, é o coordinador, dende a Costa da Morte, dun proxecto que busca un cambio de modelo de enerxías limpas, renovables que respecten a natureza e cara unha explotación limpa dos recursos naturais, como «non pode ser de outro xeito», segundo comentou en Voces de Bergantiños, en Radio Voz Carballo.

O estudo que comezou na pandemia e presentará as conclusións en Bruxelas no mes de setembro diante da Comisión Europea. Cincuenta investigadores de 12 países europeos presentarán os resultados obtidos con novas ideas de cara ao futuro.

Ata 13 rexións formaron o estudo de caso. «Agora estamos comparando a ver que saíu desta ensalada de información científica», comenta o baiés. Hai que ter en conta que os territorios europeos teñen particularidades moi diferentes. Europa é moi heteroxénea e polo tanto unha mesma medida non serve todos, apunta.

O principal obxecto de estudo é o aspecto humano, socioeconómico, político, cultural e o xénero. Nel fálase da situación de convivencia e como afecta o peche das zonas carboníferas e as intensivas de CO2 ás persoas que viven preto. Con esta análise buscan invitar á reflexión cara un contexto de co-creación para facilitar o empoderamento dos cidadáns e que teñan a posibilidade de decidir sobre o que vai acontecer na zona na que viven. «Os cidadáns galegos —expón García Mira—, que amamos a nosa paisaxe, as nosas costas, todo iso que para nós é un símbolo de identidade que é sacrificado sen ningunha compensación. As terras galegas cos parques eólicos, dos que moita xente está en contra, proporcionan enerxía a un prezo máis económico do que se benefician empresas doutras partes do territorio», relata García, comparándoo con Noruega, que ten un maior compromiso coas súas paisaxes e isto produciu un desenvolvemento socioeconómica baseado nela e na oferta dos seus fiordos, ante outros modelos máis destrutivos, segundo apunta.

Mulleres

Outra das cuestións destacadas, a parte da descentralización na toma de decisións, é a cuestión de xénero. As decisións nas zonas carboníferas e nas zonas intensivas de CO2, normalmente tómanas homes, pero que en países como Gales, as mulleres teñen un papel moi destacado, afirma Ricardo García. Isto invita a considerar propostas de igualdade de xénero e de paridade que enriquecerían a esfera política e axudarían a solucionar mellor as dificultades, tal e como indica o profesor soneirán.