O Semescom realizou un periplo pola rexión gala durante nove días, entre ducias de hectáreas de viñedos e de historia enraizadas en séculos
27 ago 2023 . Actualizado a las 16:11 h.«Nunca en van, sempre en viño». Este é lema da catedral dos caldos da Costa de Ouro da Borgoña (Francia), o Château Clos-Vougeot, que alberga unha orde de cabalaría moi particular, a Confraría de Tastevin. É un templo da enoloxía histórica borgoñoa e unha das paradas do percorrido cultural que o Semescom realizou durante nove días pola rexión gala, pero quizais unha das más significativas. Unha viaxe ao corazón de Galicia polas campiñas da rexión francesa, nunha transfiguración perfecta das esencias galaicas.
O bus das conferencias do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte achegouse a un océano de 51 hectáreas de viñedos e a historia da produción vinícola enraizada en séculos. Unha inmersión nas formas e nas infraestruturas coas que os monxes elaboraban unha bebida con selo propio e de prestixio mundial. Recoñecidos personaxes da vida social e política mundial téñense achegado a este lugar para gozar e difundir as bondades dos caldos borgoñóns. Entre eles, Ronald Reagan, Vargas Llosa ou Catherine Deneuve, por citar algúns.
O venres pola noite chegaron ás súas casas os expedicionarios despois dunha xeira cargada de saberes, emocións, camaradería, fraternidade e moitos días de canícula. As aulas móbiles achegaron Galicia á Borgoña ou viceversa. Da Costa da Morte ou da Costa da Solpor á Costa de Ouro. Coas traducións de Rocío Romero e Mercedes Barbeira, os viaxeiros tiveron acceso ás explicacións das diversas guías. Rosa García lembrou como no 1920 o poeta Phíleas Lebesgue traducía ao francés O carreteiro do muxián Gonzalo López Abente, o autor que era quen de «casar as almas ca paixón». Manuel Chouza, noutra proposta sorprendente, fixo comparanzas sobre casos de licantropía entre Manuel Blanco Romasanta, de Esgos (Ourense), e o insólito caso da Besta de Gevaudan, a misteriosa fera francesa que chegou a cobrar ducias e ducias de vidas.
Nada foi indiferente ao grupo que viaxou a bordo do Compostela Bus, de Pablo Bustelo. Nas charlas das aulas, Lema Suárez, o presidente do Semescom, lembrou como o papa borgoñón Calixto II, irmán de Raimundo de Borgoña, pai do rei galego Alfonso VII, editou o popular Códice Calixtino, a enciclopedia do peregrino a Compostela.
En Dijon, a capital da rexión, non quedaron moitos espazos de interese por percorrer, dende o Pazo dos Duques, o Museo de Belas Artes, o circuíto da curuxa, sobre a que Penas Patiño deu a correspondente explicación; templos relixiosos ou barrios con edificacións medievais. Houbo un percorrido pola Borgoña profunda ou Suíza borgoñoa do Val de Ouche.
Unha historia xeolóxica
En Châteauneuf-en-Anxois, os viaxeiros percorreron rúas doutros tempos nas voltas dun vello castelo, e Antón Losada explicou, xunto á igrexa deste fermoso recuncho, a historia xeolóxica que deu lugar á Costa de Ouro e os valores dos chans para a produción de viño.
Auxerre recibiu ao grupo coa maxestade dos tres impoñentes templos e as súas torres adornando a beira do río Yonne. Na catedral de San Estevo, a cripta e os seus frescos con Cristo ao lombo dun cabalo espertaron a admiración de todos.
E na abadía románica de Fontenay, Patrimonio da Humanidade dende 1981, descubriron os rigores da sobriedade que imprimía a orde do Císter aos seus monumentos en aras de non xerar distraccións aos membros da comunidade.
Especial impacto causou a visita ao Hôtel-Dieu, un fabuloso centro hospitalario benéfico fundado no 1443 por Nicolás Rolin. Un inmoble nobre con tellado decorado que inspira grandiosidade no que se amosan as instalacións para o tratamento de enfermos pobres, capela, salas de enfermos de pago, cociña, farmacia e laboratorio e museo.
Un motivo moi axeitado para que Xosé María Lema lembrase a historia da gran liberal e benfeitora Juana de Vega.
Unha das últimas paradas foi en Périgueux, cos seus templos de inspiración veneciana, os restos do anfiteatro e o teatro romanos e impresionante Torre de Vésone, dedicada a deusa Vesunna.
A última noite transcorreu en Bilbao, onde celebraban a semana grande das festas. Un tsunami humano desbordou polas rúas. Algúns gozaron dun concerto de Rodrigo Cuevas na Plaza Nueva. A mañá do venres xa era posible deambular tranquilamente polo paseo fluvial sen unha alma.
E así tornou ao remate unha viaxe que, como comentou Xela Cid, no acto de despedida, transcorreu dende a prehistoria, pasando polo mundo romano, a arte románica, a gótica, as rutas de varias cidades, o viño e, en xeral, a historia, a literatura, a xeoloxía e moitos outros coñecementos de interese para un grupo que leva viaxando dende o ano 2006, baixo aquel entón da guía do arqueólogo francés Le Roux, como lembrou Xan Fernández Carrera na charla de clausura, onde houbo parabéns para todos cantos dunha maneira ou doutra interveñen no éxito dunhas rutas de gran fondo humano, cargadas de amizade e saberes.