O escritor foi lembrado aos 60 anos da súa morte, ao amparo da primeira edición da iniciativa cultural Literatura na Rúa
26 sep 2023 . Actualizado a las 20:04 h.Muxía rendeu este pasado sábado unha homenaxe ao seu poeta do mar, Gonzalo López Abente, falecido hai sesenta anos. Foi lembrado o autor —a quen se lle dedicaron as Letras Galegas no 1971—aos pés do monumento a el dedicado, cun recital e unha ofrenda floral por parte de autores participantes na primeira edición de Literatura na rúa, proposta baixo a cal se levou a cabo este tributo. Tamén con versos participou deste acto o alcalde, Iago Toba, quen lle puxo voz a Furna da Rechinola. Foi un momento no que a edila de Cultura, Olalla Benlloch, anunciou que esta homenaxe sería «o punto de arranque» dunha extensa e completa programación monográfica en torno ao escritor muxián, e que incluirá exposicións, recitais, conferencias, xornadas escolares e «varias sorpresas». Todo un traballo que o rexedor agradeceu á concelleira, avanzando do seu lado que a boa acollida desta primeira Literatura na Rúa garante unha segunda.
Literatura na Rúa foi unha iniciativa municipal e da Asociación Galega de Escritores, á cal pertence, e por tanto exerceu de anfitrioa, a muxiá Lucinda Rey Escribano. Toda unha «festa literaria» ou «xornada lúdica» que se levou a cabo na explanada do paseo e que incluíu presentacións de libros, versos e sinaturas de exemplares por parte de escritores e escritoras chegados dende distintos puntos de Galicia e pertencentes á asociación. En horario de mañá e tarde, ficaban anunciados Carmen Fernández Santás, Carmen Calleja, Beíña, Lola Fernández Pazos, Teresa Cameselle, a propia Lucinda Rey, Diana Pardo, Juan Galán ou Ainhoa Conde. Nomes con obra diversa que se desprazaron ata a vila da Barca para tomar parte da proposta, á que se lle puxo outro broche de ouro, ademais de coa homenaxe a López Abente, cun pequeno concerto de música do país, o de Acordeireta.
Unha experiencia pola que os autores deron as grazas ao goberno local pola súa implicación para facela realidade. Tanto Rey como Toba agradeceron en redes a colaboración do negocio local Arroutada, que participou como punto de venda de libros. Unha suma de forzas que permitiu que os escritores marchasen «contentos e agradecidos co meu concello natal». «Este tipo de actividades enriquecen a nosa vila e poñen en valor as nosas raíces e cultura», apuntou o rexedor.