Co tempo funme convertendo nun apaixonado desta terra

Terio Carrera

CARBALLO

ANA GARCÍA

En primeira persoa, Terio Carrera | Chegas e aos poucos xa estás dentro, coma se levaras toda a vida por aquí

17 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi a última excursión que fixen con Alicia. Visitamos o santuario da Barca en Muxía. Tiñamos pendente ese paseo, antes de que a Alicia se lle baleirara por completo o caixón da memoria. Era o ano 2019, nin sabiamos que era o covid nin como sería o impacto da terrible pandemia. Pero había un lugar por visitar.  Anos atrás, Alicia sufría desde a distancia, desde Ponteareas, as consecuencias do Prestige. E rezaba polas xentes do mar, polas xentes da Costa da Morte. Impactoulle a solidariedade humana e a imaxe do santuario. E prometinlle que algún día estariamos alí.  Non esquecerei a mirada que tiña. Mirada de emoción. Porque algo recordaba. Hai enfermidades que derivan nunha memoria selectiva. Nin que dicir ten que a excursión finalizou no Ézaro.

Tanto lle falara do escenario que sería unha atrocidade non levala á fervenzaCo tempo funme convertendo nun apaixonado desta terra. Teño por norma tratar de pasalo ben en calquera lugar. Así foi sempre e así seguirá sendo.  Ata que moleste e deixedes de aguantarme.

A culpa é do deporte aínda que nunca me veredes enriba dunha bicicleta nin correndo unha proba popular de atletismo. Pero, máis alá das contradicións persoais, o deporte ofrécenos a posibilidade de coñecer a idiosincrasia e as peculiaridades dunha contorna. A min encheume de vivencias. E converteume nun privilexiado que non se pode queixar de nada.  

Riqueza de experiencias

E na Costa da Morte non hai motivos máis que para a diversión pola natureza de tantos seres extraordinarios.  Din que a riqueza está nas experiencias, nas persoas que coñecemos. E moito máis na actualidade na que todo pasa por un móbil e por un correo electrónico.  Aquí teño coñecido xente entrañable, singular. E sigo coñecéndoa. Sitio distinto. Non hai dúas persoas nin dúas maneiras de falar  iguais en dez metros. Pero cun carácter hospitalario difícil de empatar. Chegas e aos poucos estás dentro. Como se levaras toda a vida por aquí.

ANA GARCÍA

Un amigo que non pasa inadvertido, porque mide máis de dous metros, veuse a Corcubión porque a vida é marabillosa e ofrece a posibilidade de atopar a felicidade onde non a esperas. Diría que nin sabía onde estaba Corcubión. Valentín é de Pontevedra. PTV de toda a vida. Pero nunca deixará Corcubión. Nin a casa de Rita.

E este é outro motivo para estar por aquí.  Recordo a primeira vez que o vin a visitar. Comprendín a simpática rivalidade que existe. Comín en Corcubión, pero durmía en Cee. A Cristina non lle pareceu ben. Menos mal que a pesar de traballar na TVG «eres una persona como nosotros, normal». Cinco anos máis tarde aínda sigo rindo. 

Caldebarcos

Como non paro de rir cando visito a Alfredo Cambeiro en Caldebarcos. Tiña a necesidade de coñecelo polas historias que me contaran antigos compañeiros no Celta. O amigo Parri foi o cómplice. Aquel día, a Parri non lle deixamos dicir nin boas tardes.  Parada obrigatoria é a Ponte do Porto para saudar a Furoco. Para falar de fútbol, do fútbol de todos os tempos. E para lembrar a Moncho, o inesquecible chófer da CRTVG que tanto me protexeu cando arrancou a aventura que me leva pola vida.  

Cuadrilla xenerosa

Parar no Ézaro e escoitar a Pequeño é unha clase maxistral e gratuíta en todos os sentidos. Ou comer unha robaliza preparada por Diego coa compaña de César Ferrío, Víctor, Manu Calo, Fran ou Fidel... Unha cuadrilla xenerosa e bondadosa a partes iguais. E produtores de moitas risas. É do que se trata. Seguramente a Alicia non lle importará.

Sempre me pediu que me rodeara de boas persoas. Para aprender, para desfrutar e para festexar. 

Terio Carrera

 Xornalista. Naceu en Ponteareas en 1968. Comezou a traballar na CRTVG en 1985 e dous anos despois converteríase nun dos rostros máis populares da televisión autonómica polo seu labor nos espazos relacionados co deporte. Considérase un pai moi satisfeito de César, Julia Alicia e Valentina. Destaca, asemade, por contribuír ao espallamento de actividades deportivas en toda Galicia facendo de presentador en numerosos eventos, entre eles o Circuíto Correndo pola Costa da Morte.