Fermosismo

santipazos
santipazos O ABELLÓN

CARBALLO

09 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Coñezo moitos concellos que levan a cabo proxectos contra o «feísmo», esa lacra que nos deixou en herdanza o chamado desenvolvemento español da segunda metade do século XX, grazas maiormente aos aforros que dende Europa mandaban os emigrantes. Un bo exemplo é Carballo con Derrubando muros con pintura. E nótase ben hoxe no territorio urbano e rural onde, xa sexa por motivos económicos ou de cambio cultural na consideración estética, vemos que se reforman e se constrúen vivendas de xeito máis respectuoso coa nosa paisaxe. O que non sabía, desculpen, era que a Xunta de Galicia tiña un programa de axudas económicas denominado «fermosismo», que se conceptualmente, penso, non se refiren á mesma cousa, paréceme unha iniciativa estupenda. A ver, enténdase, non é igual recoñecer a fealdade que revalorizar a fermosura. Non recoñecer erros ou renomealos con palabras rimbombantes sempre axuda a crear realidades paralelas. Pura modernidade publicitaria para revistas de papel couché usada na política actual. Como se o público non soubese, como di o dramaturgo W. Mouawad, que unha función teatral de éxito non é outra cousa que a acumulación dun lote de obras fracasadas. Puidemos comprobalo o luns pasado na TVG. Parecía que os convocados a debater para presidir a Xunta vivían en países diferentes, irrecoñecibles. Un presidente en funcións nervioso, dubitativo e incapaz de defender con seriedade a súa xestión; unha candidata gañadora que falaba xa como presidenta, incisiva e convencida de ser un relevo de esperanza; un merlo branco que sabe que chegou tarde, pero que sen el, o tren non arrancará, e dúas aspirantes que por non aliarse, perderon toda capacidade de influencia. O curioso é que estas eleccións coincidan co entroido.