Manuel Vilar: «As romarías fálannos de como somos, de onde vimos»

P. BLANCO / F. RODRÍGUEZ CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

PACO RODRÍGUEZ

A viva voz | Antropólogo e director do Museo do Pobo Galego, o muxián intervirá mañá en Caión no primeiro dos espazos do proxecto «Nove Mares»

23 feb 2024 . Actualizado a las 20:22 h.

Mar e romarías. De que xeito están ligadas ambas cousas? Son estas festas un recurso? Impulsado pola Fundación Eduardo Pondal e financiado polo GALP Costa da Morte no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), comezará mañá en Caión, A Laracha, o proxecto Nove mares. O primeiro dos foros, ou Espazo Xerador de Cultura, será precisamente sobre as romarías do mar: 11.00, centro sociocomunitario. Alí falará, entre outros, Manuel Vilar Álvarez (Muxía, 1957), director do Museo do Pobo Galego e coautor do libro As romarías da Costa da Morte.

—Que distingue unha romaría?

—As romarías son feitos socioculturais, corresponden ás necesidades dun colectivo. Esas necesidades varían co tempo, unha romaría hoxe non é como unha de hai cen ou 50 anos. En xeral, son unha reunión de xente cun motivo, no fondo, relixioso, podendo entender a relixión de varias maneiras, iso tamén o quero dicir. Hai ademais unha parte de socialibilidade, de encontro de xente relacionada cun territorio.

—Que peso ten o mar?

—O mar é un elemento presente na sociedade da Costa da Morte, a súa xente ha de ter os seus referentes sociorrelixiosos, para darlle saída ás súas inquedanzas. Non hai un santuario específico ou unha romaría especializada para salvar a xente do mar, pero si que un elemento definidor destes santuarios que miran cara o mar é a lenda, a lenda da chegada da Virxe, precisamente, por el. Un clásico é a Barca de Muxía, pero hai máis, a Virxe do Monte...

Ana García

—Asóciase unha peregrinación.

—Normalmente estes santuarios están situados en sitios estratéxicos, entre paisaxes marabillosas, naturais, atractivas. Significa tamén un desprazamento ou, si, unha peregrinación, para os veciños e os chegados de fóra. Santo Hadrián do Mar, en Malpica, a propia Barca, Caión... Hai un motivo de achegarse, e volves, digamos, cun aire novo, ou reformado.

—Dicía vostede que as romarías mudan cos anos. Como antropólogo, que explica que esas peregrinacións sigan facéndose hoxe e con enormes afluencias?

—É un asunto que quero tocar. As romarías teñen unha conexión local, son expresións dunha comunidade. Cando se turistizan, defórmanse un pouco. Evidentemente son recursos que atraen visitantes, pero hai que ter un control. O Naufraxio de Laxe víveno os mariñeiros, pero logo tamén hai moita xente que acode, digámolo así, a ver o espectáculo. Hai que ter coidado coa masificación, coa perda de valores. As romarías teñen o seu recurso cultural e temos que aproveitalas para seguir reforzándonos como sociedade. Claro que poden ser un recurso económico, pero non pode ser só iso. Un caso coñecido é o San Fins do Castro, que acabou dividida en dúas partes, a de pasalo ben e a da devoción [hoxe xa se recuperou a unidade, desbotando as batallas de viño]. A devoción, ollo, tamén se sustenta na tradición: teño fe nesa romaría ou nese santo porque xa a xente da zona a tiña.

BASILIO BELLO

—Teñen hoxe saúde as romarías?

—Unhas si, outras van desaparecer. É o caso de certas romarías do rural, onde xa non queda xente, especializadas ademais en cuestións como a fertilidade do gando ou a da terra, todo isto xa en decadencia. Falta de poboación, falta de dinamización social ou ata cambios no calendario laboral poden alentar a súa perda. Aquelas que continúan seguen marcando o tempo, o calendario, outra das súas características, un antes e un despois. As romarías fálannos de como somos, de onde vimos, a onde queremos ir. Supoñen un respecto ao pasado, á tradición, pero son un proceso cultural en transformación. Son recursos de reidentificación, refórzannos como sociedade: vou a unha romaría porque sinto que comparto elementos simbólicos con todos os que están nela, aínda que non os coñeza. Iso para min é o principal recurso aínda que logo haxa outros, claro.

—Danzas, roscas, merendas... Hai apartados, como poden ser as merendas en Caión, xa perdidos.

—Mudan porque a sociedade muda, hai outras formas de encontrarse, de ocio, non podería dicir eu se habería que reconducilas ou non, iso é algo que esa mesma sociedade, na que cada vez os cambios son máis veloces, dirá. O que hai que facer é estudalas, documentarse, saber que foron, que son... Efectivamente a comensalidade é un tema importante, perdido en moitas delas.

BASILIO BELLO

—Esa masificación da que falaba cre que xa está a ser un perigo?

—Son realidades a afrontar, sen terlle medo. A veces mesmo dende a educación, como pode ocorrer nunha cita moi recente, aínda que non vinculada ao mar: a Mikaela de Buño. Afrontalo dende o respecto á tradición. Para min, por exemplo, é máis perigosa a banalización que a turistización.

—Falta mocidade nas romarías?

—Haina en moitas, e hai moita mocidade que o sinte como propio. As romarías son unha cousa seria.