Chema Rei: «As Letras para Labarta poñerían Baio no mapa da literatura galega»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

Entrevista | O auditorio de Baio acollerá hoxe mesmo, ás 13.00 horas, a presentación da antoloxía poética deste ilustre autor baiés. Fala un dos editores da obra 

24 feb 2024 . Actualizado a las 19:38 h.

Este sábado 24 de febreiro, xornada posterior ao Día de Rosalía de Castro, será unha data ben importante para Baio e as súas xentes. Ás 13.00 horas, no auditorio, veciños e visitantes poderán coñecer máis ao miúdo a Antoloxía poética de Enrique Labarta Pose que vén de publicar a editorial Galaxia, iniciativa impulsada dende o Concello de Zas. Se hai unhas semanas falaba en Radio Voz un dos seus editores, Xosé Manuel Varela, onte tocoulle ao segundo deles, Xosé María Rei Lema, Chema Rei (Bamiro, Vimianzo, 1972), licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa e lingüista. «Xornada fresca, de vento e chuvia, que mellor ca estar lendo na casa», coincidiu Rei Lema na súa conversa con Fran Rodríguez.

—Unha antoloxía con 40 poemas en galego. Cal foi o seu cometido na elaboración desta obra?

—Foi un traballo en colaboración con Xosé Manuel Varela que, se ben en principio nos iamos encargar cada un dunha cousa, ao final acabamos facendo todos todo, cunha introdución biográfica do autor e logo unha análise dos seus poemas. Recóllense as principais temáticas que tocou. Houbo, tamén, que revisar os textos, quitarlles as posibles grallas de imprenta e adaptalos ao galego actual. Iso non significa normativizalos, senón quitar por exemplo apóstrofes que na súa época eran moi habituais. Tratouse de adaptalos un pouco ao lector actual, para que se sinta máis cómodo ao achegarse a estes textos.

—Que atrevido corrixir a Labarta!

—[Ri]. Sempre é atrevido corrixir a un escritor, e máis en poesía, que resulta máis difícil polas cuestións da métrica ou o ritmo. Pero son mínimos toques, cuestións máis estéticas ca de contido.

—Nos últimos tempos proliferaron iniciativas en torno a Labarta.

—É un escritor querido dende hai moitos anos. Labarta [1863-1925] foi moi coñecido na súa época e despois esquecido na maioría de Galicia, se ben en Baio sempre houbo un recordo. Aínda así, si é certo que neste século XXI, dende que se intentou poñer en valor cunha comisión que reivindicaba unhas Letras Galegas para el, os actos que se fixeron foron divulgándoo máis entre a xente moza, que igual non coñecía a este autor ou non sabía da importancia que tivo, tanto no seu tempo como no conxunto da historia da literatura galega.

—Dende a súa faceta de lingüista, como é a lingua de Labarta?

—É moi rica e popular. Non habia entón unha normativa á que cinguirse, case nin gramática, así que se baseou un pouco na lingua popular. A calidade é excepcional, por máis que haxa algúns castelanismos ou vulgarimos propios, como dicimos, desa lingua [de a pé]. Destacan as fraseoloxías, as frases feitas que lle dan riqueza a unha lingua, e que en Labarta son espectaculares. Incluso na poesía, que é difícil facer cadrar unha frase feita que todo o mundo coñeza, co seu dobre sentido. El facíao a miúdo.

—Se un escritor se pode coñecer a través do que escribe, e de como o escribe... Como diría vostede que era Enrique Labarta?

—A súa sona como escritor vénlle do seu humor, xa en vida foi considerado poeta e narrador humorístico. Isto tivo os seus pros, porque igual dese xeito era máis doado vender a súa producción, pero tamén os seus contras, porque co tempo puido ser considerado un poeta menor, por ese humorismo mal entendido. Realmente era un escritor humorista que usaba o humor e a retranca, tan propio da lingua galega, para tocar outros temas. Crítica social, emigración, o mal que estaban os labregos, a situación da muller respecto ao home... Divertía ensinando, deleitaba ensinando.

—Esa lingua tamén a incorporaba ao xornalismo, aos contos ou mesmo á dramaturxia?

—Si, basicamente. Hai outros códigos no xornalismo, pero esencialmente era esa lingua que empregaba e quería poñer en valor.

—O traballo nesta obra supuxo para vostede algunha descuberta?

—Eu con Labarta sorpréndome cada pouco, incluso despois de rematar a antoloxía descubro cousas que me afianzan a súa importancia. Tanto ía a faladoiros con Alfredo Brañas ou Valle Inclán, coa intelectualidade da época, como andaba no medio da xente da súa parroquia, en Baio. Non se circunscribía a nada, era moi coñecido aquí e na emigración en América. Tivo unha grande repercusión en Arxentina, dende onde intentaron que fose para alá para crear unha revista ao igual que as que fixera en Santiago ou Pontevedra.

—Hai nesta antoloxía algún poema no que reivindique a lingua?

—Si, varios nos que toca este tema, pero un especificamente dedicado á lingua, xa cun título satírico, Non fales o gallego. Escribiuno xa cara ao final da súa vida, 1917-1918, sorprendido da diferente valoración que cataláns e galegos lle daban á lingua propia, relegándoa neste último caso ao rural ou directamente aos pailáns. Moitos dos poemas de Labarta seguen estando de actualidade.

—Dá por feito que as Letras do 2025 serán para o baiés?

—Home! [ri]. É unha data moi significativa, o centenario da súa morte, e o traballo que se leva feito para a posta en valor a este escritor, co apoio do Concello de Zas nos últimos anos, ten que espertar a conciencia dos académicos para por fin dedicarlle este día que extenda a toda a Galicia o seu labor pola literatura galega nunha época moi complicada. A súa xeración continuou co que fixera a anterior, a de Rosalía, Curros ou Pondal, e ao tempo abriu novas vías. Estes novos escritores abriron o camiño da narrativa en galego, e Labarta mesmo o do teatro, ou o da literatura xornalística.

—Que cre que significaría para Baio esta concesión?

—Sería poñer a localidade no mapa da literatura galega, darlle a importancia que tivo, e que o pobo vexa tamén que o seu esforzo por poñer en valor a un veciño se recoñece en toda Galicia. Que vexa, pois, que o mundo das letras mira cara Baio con orgullo.

HOXE, 13.00 HORAS. A «Antoloxía poética» de Labarta Pose darase a coñecer hoxe en Baio coa presenza dos seus editores, Xosé Manuel Varela e Chema Rei. Acoden tamén o director de produción de Galaxia, Xesús D. Dono, e o alcalde zasense, Manuel Muíño.