Nova estación reivindicativa dun Día das Letras Galegas para Labarta

Xosé Ameixeiras
A. Lavandeira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCIA

Acolleu o venres Espiral Maior Foro, en Carballo, a presentación da Antoloxía poética do baiés 

21 abr 2024 . Actualizado a las 00:01 h.

Unha nova estación reivindicativa de Enrique Labarta Pose como autor merecente dun Día das Letras Galegas. Así se pode considerar o acto que tivo lugar o venres pola tarde en Espiral Maior Foro de Carballo. A capital de Bergantiños é unha das tres localidades galegas que lle teñen dedicada unha rúa ao escritor baiés. Foi unha presentación máis da Antoloxía poética labartiana que levaron a cabo Xosé María Rei Lema e Xosé Manuel Varela Varela, cuxa presenza tamén estaba prevista, pero que non foi posible por cuestións persoais.

Fernán Vello, director de Espiral Maior, manifestou que o libro da escolla de 40 poemas feita por Rei Lema e Varela, e editado por Galaxia, é «necesario», sobre todo nunha etapa reivindicativa da figura dun autor do «epílogo do Rexurdimento» que practicou tres xéneros: poesía, narrativa e teatro. Tamén valorou a influencia de Pondal nalgúns poemas de Labarta.

Rei Lema, do que Fernán Vello dixo que é un dos grandes divulgadores da cultura da Costa da Morte, lembrou que o escritor baiés era tan popular no seu tempo como Pondal ou Curros. Apostou por dar outra visión del distinta ao do humorismo e ao da sátira, xa que afrontou con valentía temas que aínda están de actualidade, como o feminismo ou a defensa do idioma galego ou dos animais. Rei Lema e Miguel Anxo Fernán reflexionaron sobre a intención de Labarta Pose de facer poesía de repercusión e éxito inmediatos no público.