![](https://img.lavdg.com/sc/2nR4dLFvi0jIlGedgiCIV_6eAJ8=/480x/2024/06/22/00121719079021385242885/Foto/CJ23C12F2_2.jpg)
En primeira persoa | «Estar ao fronte da OISG enriqueceume enormemente como músico», escribe o director da Orquestra Infantil da Sinfónica de Galicia
23 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Hai uns días volvín ás terras de Vimianzo para ofrecer un concerto coa Orquestra Infantil da Sinfónica de Galicia (OISG). Xa van catorce anos dende o comezo deste fantástico proxecto educativo do que teño a honra de ser cofundador e codirector xunto a outro violinista coruñés, Jorge Montes, un pouco máis novo ca min, co que comparto tamén unha grande amizade.
Por certo, chámome Enrique Iglesias Precedo e quero aproveitar estas liñas para contarvos algo da miña vida como músico. Os sábados pola mañá, ensaiando coa OISG, veñen ao meu recordo aqueles anos nos que como violinista tocaba na orquestra do Conservatorio da Coruña. Xa non era tan pequeno como os rapaces que temos neste proxecto, pois empecei a tocar o violín moi tarde, aos 12 anos. Vén ao meu pensamento unha profunda emoción que se pode resumir en que os soños ás veces fanse realidade.
A música foi sempre unha actividade que me acompañou dende neno. Escoitaba música popular galega, aqueles grupos míticos dos 70: Fuxan os Ventos, A Roda, Milladoiro, e tamén algúns grupos sudamericanos como Los Calchakis, Los Machucambos… O meu primeiro instrumento foi a guitarra, tocaba na rondalla da parroquia de Santa María de Oza na Coruña. Foi a miña nai quen, con moi bo tino, fixo unha boa suxerencia: «Por que non te matriculas no conservatorio?» Así comezou o meu contacto coa música clásica. Pasei un verán preparando a miña entrada no conservatorio cun profesor que era violinista, que puxo nas miñas mans o meu primeiro violín. Estareille eternamente agradecido por aquela aposta.
Cando contaba cuns 18 anos tiña xa un obxectivo claro: quería dedicarme ao mundo da música clásica e ser membro dunha orquestra sinfónica. Naqueles anos comezou unha etapa fundamental na miña formación musical, unha beca na Xoven Orquestra de Galicia, creada por Joám Trillo, que me abriu moitas oportunidades. Estando alá, coñecín un dos músicos que marcaría unha corta pero intensa etapa na miña vida musical. Foi nunha gravación co grupo irlandés The Chieftains. Carlos Núñez, un dos nosos gaiteiros máis senlleiros, xa tocaba en moitos dos seus concertos e comezaba outra etapa cunha nova banda, á que fun invitado ao mesmo tempo que continuaba os meus estudos. Participei naquel primeiro disco de Carlos Núñez, A Irmandade das Estrelas, unha etapa chea de emocións e concertos, pero tiña que tomar decisións sobre o meu futuro, e a música clásica, xunto coa miña vocación de formar parte dunha orquestra, pesaron máis na balanza. Cumpridos os 23 o soño fíxose realidade e puiden ocupar unha das prazas de violín na Orquestra Sinfónica de Galicia.
![](https://img.lavdg.com/sc/paXjkEg0xvIsPkermrvgv1Gv4P8=/480x/2024/06/22/00121719079021669100242/Foto/CJ23C12F3_3.jpg)
Pero volvamos ao proxecto da OISG. Este naceu para que os nenos que estudan un instrumento de corda frotada (violín, viola, violonchelo e contrabaixo) teñan un espazo de encontro no que facer música dende moi temperá idade e ata os 15 anos. Alí, experimentan o mundo tan marabilloso de facer música en conxunto e tamén aprenden a traballar xuntos, disciplina e respecto. Construír algo máis grande con aportacións individuais máis humildes. Por suposto que non todos os rapaces que participan neste proxecto se van dedicar profesionalmente ao mundo da música, pero para algúns foi punto de inflexión para tomar un camiño no seu itinerario de estudos, un lugar de discernimento para o seu futuro e, sen dúbida, unha experiencia inesquecible.
Estar ao fronte da OISG enriqueceume enormemente como músico, aprendín a non pór límites ao nivel que se pode acadar na interpretación dunha peza aínda que traballes con nenos. Hai límites naturais, pois moitos dos rapaces levan pouco tempo cos seus instrumentos e o repertorio ten que ser axeitado ao seu nivel técnico, pero coido que sempre se pode traballar profundamente na linguaxe musical. Non esquezamos que a música é, se cabe, a linguaxe universal coa que mellor expresar as emocións.
Concertos como o da pasada semana no auditorio de Vimianzo fanme recordar o importante de levar a música clásica aos lugares onde habitualmente non teñen acceso a este tipo de actividades en directo. Oxalá poidamos ofrecer moitos máis concertos en distintos puntos do noso territorio e, desta forma, colaborar nunha difusión cultural que é moi necesaria e axuda a construír unha mellor sociedade en todos os sentidos.
O tempo pasa e na vindeira tempada de concertos da Orquestra Sinfónica de Galicia cumprirei 30 anos como membro da mesma e tamén chegarei a 15 anos ao fronte da OISG. Sen lugar a dúbidas, un soño feito realidade!
dni
Os seus inicios co violín foron tardíos (comezou a tocar aos 12 anos), pero frutíferos. Con 18 logrou unha beca na Xoven Orquestra de Galicia, creada por Joám Trillo, e seguidamente tivo a oportunidade de participar en proxectos como A Irmandade das Estrelas, de Carlos Núñez. Cumpridos os 23 obtivo unha praza de violín na Orquestra Sinfónica de Galicia, coa que na vindeira tempada cumprirá 30 anos, e dende hai 15 está á fronte da Orquestra Infantil, dirixindo na actualidade o grupo Pizzicato, co que actuou en Vimianzo.