O Vákner volve inspirar un certame de misteriosos relatos no Camiño

a. lestón, María Xosé Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

XOAN A. SOLER

Aberto o prazo para a presentación de traballos ata o martes 15 de outubro

12 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Os amantes da escritura están de noraboa, pois La Voz de Galicia, co patrocinio do Concello de Dumbría e da Deputación da Coruña, volve poñer en marcha o certame de relatos Territorio Vákner, do que onte se presentaron en Santiago as bases, ademais dun libro que compendia os mellores textos das anteriores edicións: O Vákner, relatos de misterio no Camiño de Fisterra e Muxía. Unha iniciativa que queren consolidar entre todos os públicos, polo que se volven ofrecer dúas posibilidades de participación: un concurso para escolares e outro para maiores de dezaseis anos.

XOAN A. SOLER

O obxectivo non é outro que o de contribuír á divulgación e ao fomento da creatividade literaria en relación ao Camiño de Fisterra e Muxía, unha vía percorrida durante milenios por peregrinos chegados de todos os recunchos do mundo. Un deles foi o bispo Mártiros de Arzendiján, de Armenia, que documentou o seu enfrontamento cun monstro, o Vákner, que tamén debe ter o seu protagonismo nas distintas creacións literarias. No certame para adultos, poden participar tódalas persoas maiores de 16 anos, salvo as traballadoras no grupo Corporación Voz de Galicia.

No dirixido aos escolares que cursan entre quinto de primaria e cuarto da ESO, poderán facelo os dos centros localizados nos concellos polos que transcorre o camiño ao que se debe facer referencia: Santiago, Ames, Negreira, Santa Comba, Mazaricos, Dumbría, Cee, Corcubión, Fisterra e Muxía. Iso si, entre os alumnos haberá dúas categorías diferenciadas: unha para os de 5.º e 6.º de primaria e outra para os dos catro cursos da ESO.

Haberá grandes premios en ambos certames. No dos menores, os autores dos cinco mellores relatos de cada categoría recibirán un diploma. Os tres primeiros clasificados tamén levarán un obsequio e o centro educativo ao que pertenzan os gañadores, percibirán, cada un, 750 euros. No dos adultos, os responsables dos dez mellores relatos conseguirán diploma. Ademais, o primeiro gañará 2.000 euros e, o segundo, 1.000.

Prazo ata o 15 de outubro

Para ambos certames, a data límite para os interesados en participar será o martes 15 de outubro. Antes dese día, cada autor do concurso para adultos deberá enviar os textos identificados cun lema e pseudónimo acompañados dun sobre pechado cos datos persoais (nome, idade, D. N. I, enderezo e teléfono) á delegación de La Voz de Galicia en Carballo: Rúa Gran Vía, 84, 1º.

Será diferente o método de envío para os escolares. Serán os centros educativos os que enviarán os textos a eventos.carballo@lavoz.es ou por correo ordinario á delegación de La Voz de Galicia en Carballo. No documento débense incluir tamén os datos do autor, os do profesor responsable da supervisión do traballo e os do centro ao que pertencen. Os escritores menores de 14 anos deberán cumprimentar unha autorización que remitirá este medio.

Os relatos deben estar escritos en galego, pero a extensión varía segundo as idades. Para os maiores de 16, o mínimo serán 4.000 caracteres, con espazos incluídos, e o máximo, 6.000. Para os escolares, o mínimo son 1.500 caracteres.

O monstro Vákner medra da man dun libro e de certames literarios

Unha publicación reúne creacións distinguidas no concurso

Montse garcía

Ano 1493. O bispo armenio Mártiros relata un encontro cun monstro nos montes de Dumbría cando peregrinaba. Máis de cinco séculos despois, o Vákner «segue aumentando a súa monstruosidade xeración tras xeración», afirma o director de La Voz de Galicia, Xosé Luís Vilela. E medrará aínda máis. Á continuidade dos certames literarios Territorio Vákner engádeselle un libro que recompila as creacións distinguidas nas edicións previas do concurso: O Vákner. Relatos de misterio no Camiño Fisterra-Muxía. «Unha iniciativa que non só celebra o talento literario, senón que preserva a memoria e o legado destas creacións que durante anos foron alimentando o mito de Vákner», resaltou o alcalde de Dumbría, Raúl González.

Estas iniciativas froito do impulso de La Voz de Galicia e o Concello de Dumbría foron presentadas nun acto no Hotel Monumento San Francisco en Santiago no que tamén interviñeron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a primeira gañadora do certame na categoría de adultos, Natalia Lema. Nel, ademais, Vákner tomou vida a través da música coa actuación de tres membros de Luar na Lubre.

A publicación recolle 36 creacións distinguidas no certame Territorio Vákner acompañadas por ilustracións de Pinto & Chinto, así como de Mon Outeda. Poderá adquirirse este domingo xunto co xornal La Voz de Galicia nas edicións de Carballo, Santiago e Barbanza ao transcorrer por elas o Camiño de Fisterra e Muxía.

En canto aos certames literarios, está convocado un de ámbito escolar, que repartirá 1.500 euros en premios, e outro para maiores de 16 anos, dotado con 3.000 euros. O escolar conta con dúas seccións: primaria —cursos de quinto e sexto—, e secundaria. Poderá participar alumnado dos centros educativos dos concellos polos que transcorre a ruta na que apareceu o Vákner: Santiago, Ames, Negreira, Santa Comba, Mazaricos, Dumbría, Cee, Corcubión, Fisterra e Muxía. No caso dos adultos, a convocatoria está aberta a toda persoa que desexe participar. En canto ás condicións, os textos deben ser orixinais, inéditos e en galego —hai límite de dimensións—. O prazo para presentalos remata o 15 de outubro. «Estes novos creadores dan folgos para o futuro da nosa lingua e a nosa cultura», resaltou Valentín García sobre o certame. Natalia Lema animou a darlle vida literaria ao Vákner porque «o monstro pode ser todo o que queiramos».