
Coñecín a Fátima Pego haberá algo máis dun lustro. Foi nunha explotación gandeira, onde me fixo unha fermosa entrevista cando eu acababa de facer os dezaoito anos. Sacara daquela un libro sobre atrapamentos con toma de forza e envorcos de tractor e decidíramos quedar na Estivada para falar do tema. Hai entrevistadores que cumpren o seu traballo e hai outros que se interesan sinceramente por aquilo que escoitan de forma proactiva. Fátima pertence a este segundo colectivo. Falamos dos hórreos de Bastavales, do que supón ser mozo no rural e un feixe máis de cousas. Esta semana, morreu Josefa de Bastavales. Cando souben que era avoa de Fátima non me sorprendeu. Son almas xemelgas: polifacéticas, emprendedoras e loitadoras. Fixo xiras con Manu Chao, inspirou artistas como Mercedes Peón ou Xurxo Souto. Todo isto sendo labrega de corazón e orgullecéndose de aquilo que formaba a súa identidade. Creo que Josefa era dese grupo de mulleres que ergueron o país ás súas costas e que puideron gobernalo perfectamente se lles deran a oportunidade. Fátima, pola súa banda, é un todoterreo que canta, fai televisión e de todo un pouco. Estudou comunicación e é o que mellor se lle dá, transmitir mensaxes dende a humildade e o agarimo. Persoalmente, polas boas palabras que lle dedicaron a Josefa, gustaríame tela coñecido. Non obstante, un pouco dela vive en Fátima, así como é certo que un pouco de Manolo do Vichuqueiro vive en min. Os avós non marchan nunca, eternízanse nos recordos ata volvérense inmortais. Nunca nos deixan de forma absoluta. A enerxía transfórmase, non se destrúe. Han de andar tocando todo eles a pandeireta e bailando entre os ceos.