Juan Manuel Rodríguez, alcalde: «Témolo todo para ser un referente da economía circular»

Antón Lestón Lago
Antón Lestón CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana García

Especial industria | Varios proxectos industriais sitúan ao Concello de Cerceda nunha situación privilexiada en canto ao presente e ao futuro da transición ecolóxica

09 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Juan Manuel Rodríguez García é alcalde do Concello de Cerceda dende o 12 de febreiro do 2020. Un municipio que segue a potenciar a súa idiosincrasia industrial cun marcado obxectivo: «Converterse en referencia na economía circular».

—En canto á aposta industrial, que é o que máis orgulloso lle deixa destes case cinco anos?

—Son varios fitos. Por exemplo, as distintas licenzas para as industrias que se levan concedido, ter dado os pasos necesarios para modificar as normas subsidiarias da Areosa para plantexar a nivel industrial dez hectáreas máis, o enfoque que se fixo para que a área empresarial de Galicia se orientase finalmente á zona de Meirama e, por suposto, o labor de interlocución que se fixo con respecto ao concurso de acceso á subestación de Meirama, no que se terán en conta aspectos como os beneficios socioeconómicos, a formación, o autoconsumo... E hai outra parte moi importante que marca esa filosofía que nós temos de equilibrio e progreso nos distintos convenios que se veñen asinando ou que estamos a negociar, como o que temos con Gesuga para o financiamento do material e do transporte escolar. Ademais, tamén me enorgullece que os orzamentos e investimentos do Concello se fosen incrementando ininterrumpidamente pese ao peche da central térmica, que supuxo unha perda de máis 1,2 millóns de euros ao ano en concepto do BICES E IAE.

—É indispensable o bo trato coas empresas.

—É que iso é o que marca a diferenza, o trato persoal está infravalorado. A calquera cuestión de tipo empresarial, comprometémonos a entregarnos a ela como algo moi propio. Somos moi conscientes da historia e da idiosincrasia industrial deste Concello, da nosa localización en pleno eixo atlántico, e dos nosos recursos para sectores estratéxicos como a enerxía, o medio ambiente e a industria. Debido a iso, claro que temos unha aposta decidida. É moi importante resaltar que na gran maioría de casos trátase de empregos de calidade, que é o que debemos fomentar. Nese sentido, temos o privilexio de que dentro destes tempos de incerteza, ao abrigo das axudas para a transición ecolóxica, temos un camiño moi claro e as empresas que sexan sostibles sempre terán aquí unha man tendida.

—Un crecemento industrial que permitiu tamén unha mellora demográfica.

—A xente sempre marchou para onde hai emprego. É fundamental para asentar poboación e é evidente que aí todo o que está por vir terá unha incidencia. Temos claro que a nosa política industrial está feita cunha visión a medio e longo prazo por esa transición ecolóxica que se ten que dar. Aí nós queremos ser un referente en economía circular, e iso converteranos tamén nunha vila de referencia, non só no sentido demográfico, tamén en servizos e xeración de riqueza para os nosos veciños. Máis que moita xente, queremos que a que viva aquí, viva ben. Para acoller esas cuestións temos xa recalificadas ou en vía de recalificación máis de 110 hectáreas.

«Máis alá da incidencia directa, a fábrica de hidróxeno verde será un centro de atracción»

Juan Manuel Rodríguez García está convencido de que en Cerceda teñen todo o preciso para converterse nun exemplo en sostibilidade.

—Neste eido, o impulso do hidróxeno verde e da enerxía hidroeléctrica son os pasos máis importantes?

—Pode ser, si, aínda que serán exemplos de outros moitos que se poden dar. Ademais hai unha cuestión moi importante con respecto á fábrica de hidróxeno verde: máis alá da incidencia directa que teña, vai funcionar como un centro de atracción e xerará outro tipo de desenvolvementos industriais que tamén serán moi proveitosos a nivel de creación de riqueza. A planta de hidróxeno verde de Naturgy, Reganosa e Repsol teñen consignados 15 millóns de euros por parte do MITECO. Xa se están tramitando e é fundamental para a súa implantación que os proxectos eólicos ligados á planta se fagan realidade.

—Outra das importantes patas da industria cercedense é Sogama. E sobre todo nestes tempos de polarizacións, é un exemplo de colaboración institucional.

—Un dos males que se acentuou dende a crise do 2008 é que o partidismo lle gañou terreo á parte institucional. Pero eu como cercedense pertenzo a Galicia, polo que pretendo que lle vaia ben e contribúo a coidala. Ao igual que loxicamente as responsabilidades de Galicia con Cerceda, dadas as cuestións estruturais que aquí se xogan como a xestión do medio ambiente, pois Galicia tamén ten que contribuír a coidarnos da mellor maneira. O mellor que lle podo facer aos meus veciños e defender Cerceda ante quen sexa. E nese eido, si é certo que estamos a reclamar que estas axudas que proveñen dos Next Generation para paliar o peche das centrais se vertebren sobre os concellos afectados por estes convenios de transición xusta e non sobre toda a provincia. Repárteas a Xunta e só valora con 5 puntos sobre 100 aos Concellos que tiñamos esas centrais. É unha diferenza insuficiente.

«Hai que ver que efectos xera a vitoria de Trump, pero aquí hai gran capacidade de exportación»

No polígono de O Acevedo traballan unhas 2.500 persoas. É unha das principais áreas empresariais da provincia e cunha marcada tendencia á exportación. Malasa, Cetus, Galopín ou Indupanel son algúns casos de industrias que se abren ao mundo dende Cerceda.

—En que momento se atopa ese proxecto de ampliación do polígono?

—De momento está recalificado e pendente de desenvolvemento porque a demanda que hai de solo industrial, que son máis de 700.000 metros cadrados, aínda se está cubrindo. Aí está o exemplo de Monmega, á que na última semana lle concedemos a licenza para aumentar aquí a súa actividade. Recentemente tamén Portomuiños ampliou a súa actividade no propio polígono de O Acevedo. E estoume deixando exemplos, pero por agora estamos a paliar esas demandas.

—Sorpréndelle a gran actividade de exportación de moitas das empresas que se instalan en O Acevedo?

—Estou absolutamente convencido da competitividade de tódalas empresas que temos no Acevedo. Hai unha gran capacidade para exportar dende aquí. Pero nese sentido haberá que ver agora que efectos vai xerar a vitoria de Donald Trump en Estados Unidos, porque o proteccionismo que vén predicando e que xa amosou no seu anterior mandato son contraproducentes para as exportacións internacionais, e aí poden volverse máis complicadas as relacións comerciais. Máis alá diso, varias das empresas cercedenses fan labores moi relevantes noutros países e para grandes multinacionais. E ese éxito provén dun gran traballo, iso está claro.

—O alto nivel da industria repercute no crecemento do Concello?

—Por suposto. Eu poño en valor o feito de que temos, aproximadamente, 2.500 empregos no polígono de O Acevedo e outros 500 nas instalacións de Sogama. Iso a nivel de crecemento económico e da capacidade do propio Concello para afrontar novos retos, é certo que é moi importante. A industria aquí é a carta pola que sempre se apostou, dende o goberno socialista dos anos 80, e nós trataremos de seguir, pese a todas as diferenzas, porque os tempos cambian moitas cousas, pero sabemos de onde vimos, onde estamos e a onde queremos ir, cara esa transición ecolóxica e converténdonos nunha referencia. O Concello, ademais, ten que facer que os veciños e as veciñas se aproveiten dese desenvolvemento e vexan mellorar as súas condicións de vida. Trátase dun camiño de facer Cerceda a través de xerar emprego de calidade.